• 18-01-25 AsembleaSiderometalOurense01.jpg
  • 18-01-25 AsembleaSiderometalOurense02.jpg
  • 18-01-25 AsembleaSiderometalOurense03.jpg
  • 18-01-25 AsembleaSiderometalOurense04.jpg

A CIG-Industria de Ourense analiza en asemblea o convenio do siderometal

Delegados/as da federación participaron tamén na protesta diante do CHUO

Ourense -

A CIG-Industria de Ourense celebrou unha asemblea este xoves 25 para analizar o contido do convenio provincial do siderometal asinado a finais do ano pasado. Ao remate do encontro, un grupo de delegados/as desprazouse até o CHUO para participar na mobilización convocada polo persoal de limpeza e mantemento.

Segundo explican dende a central, logo dun breve debate entre os delegados/as das distintas empresas afectadas polo convenio provincial do siderometal fíxose unha valoración positiva da súa sinatura, xa que foi a CIG a que levou o peso da negociación.

“Dende a federación de Industria poñemos en valor que fomos capaces de que a UGT asumira as nosas reivindicacións; despois de dúas xornadas de folga en solitario fomos quen de manter a xornada de luns a venres e conseguimos evitar que a patronal a ampliase á fin de semana, que era a gran reivindicación dos traballadores/as do sector”.

Durante o encontro tamén se abordou o vindeiro convenio (2019), co obxectivo de comezar a elaborar un anteproxecto coa máxima brevidade. “Quedamos emprazados/as para denunciar o actual convenio no último trimestre de 2018”.

Protesta no CHUO

Tamén se repasaron os principais conflitos abertos na federación, como o convenio de Mosa -do que se celebrará a seguinte reunión nos vindeiros días-, e fíxose unha especial mención á folga convocada recentemente polos traballadores/as de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Ao remate da asemblea un grupo de delegados/as desprazáronse até o hospital para desenvolver unha concentración xunto ao persoal de limpeza ás portas do centro sanitario e repartir panfletos explicativos entre traballadores/as, pacientes e usuarios/as.

Volver