A CIG-Industria convoca dúas xornadas de folga no sector do siderometal de Ourense pola paralización do convenio

Os traballadores/as decidiron en asemblea promover os paros para os días 22 e 29 de xuño

Vigo -

A CIG-Industria vén de anunciar a convocatoria de dúas xornadas de folga no sector do siderometal de Ourense para os vindeiros días 22 e 29 de xuño ante a parálise das negociación para renovar o convenio colectivo, caducado dende 2012. A decisión foi adptada en asemblea polos traballadores/as o xoves pasado.

Dende a CIG-Indutria de Ourense explican que a idea de convocar os paros comezou a tomar forma na asemblea organizada pola central o pasado 30 de maio para abordar os detalles do recentemente asinado convenio do metal estatal, na que participou o secretario nacional da federación, Xoán Xosé Bouzas Aboi.

Os participantes na xuntanza consideraron que o único xeito de intentar desbloquear a situación e desta forma poder renovar o convenio provincial, que se atopa en ultractividade xa que caducou en 2012, era promover unha folga no sector.

Con todo, decidiron volver a convocar outra asemblea para este pasado xoves, na que volveron abordar a situación cos traballadores/as e decidiron promover as dúas xornadas de paro para os vindeiros días 22 e 29 de xuño. Dende a central amosan a súa satisfacción pola decisión adoptada durante o encontro e confían en que sirva para avanzar na negociación do convenio.

Volver