A CIG-Industria Compostela denuncia que o empresario Pedro Hervés, do Grupo Brea, quita pancartas en lugar de pagar salarios

Benedicto Blanco denuncia que o persoal leva catro anos con continuos atrasos nas nóminas

Compostela -

A CIG-Industria de Compostela vén denunciando desde hai uns catro anos os continuos atrasos nos pagamentos dos salarios aos traballadores e traballadoras do Grupo Brea. Por iso, o secretario comarcal, Benedicto Blanco colgou pancartas en denuncia desta situación en varios puntos da capital de Galiza. Pancartas que foron descolgadas polo propio empresario, Pedro Hervés, máis preocupado pola súa imaxe que por garantir os salarios do seu persoal.

Blanco lembra que este empresario no ano 2014 xa estivo en preconcurso de acredores do que saíu a finais dese mesmo ano tras vender unha propiedade no polígono de Costa Vella, na que está ubicado Decathlon.

“Cando se vía vir a crise quixo ser o empresario máis forte de Compostela construíndo unha gran nave onde hoxe está Brea Motor hipotecando así os salarios e as indemnizacións dos traballadores e traballadoras, sen vender nada das súas propiedades sen pensar nas consecuencias que isto tería no futuro inmediato”.

O resultado, segundo o secretario comarcal de CIG-Industria, foi que “levamos catro anos con continuos atrasos, traballadores/as que se teñen que desprazar todos os días para facer o seu traballo sen a garantía de cobrar a fin de mes e sen saber sequera cando van cobrar”.

Porén en lugar de preocuparse pola situación do seu persoal “dedícase a descolgar as pancartas en denuncia dos seus impagamentos”, denuncia Benedicto Blanco, quen lembra que “grazas aos beneficios que obtén dos traballadores Pedro Hervés si pode pagar todas as súas facturas a fin de mes”.

Volver