A CIG-Industria aposta por intensificar a loita e a acción sindical fronte a crise do sector
A CIG-Industria aposta por intensificar a loita e a acción sindical nas empresas e na rúa para facerlle fronte á crise que atravesa o sector e demandar da Xunta de Galiza un plan industrial que garanta o futuro das actividades clave. Arredor de 600 persoas delegadas mobilizáronse hoxe en Vigo tras participar nunha asemblea nacional da federación na que se analizaron as principais problemáticas de empresas e sectores das catro provincias galegas.
Durante o encontro que tivo lugar de 10:00 a 11:30 horas no Centro Cultural e Veciñal de Valadares baixo o lema ‘Sen industria non hai país. Sen loita non hai dereitos’ tomaron a palabra representantes da central sindical en empresas como Alcoa, Iberdrola, GKN, Circet, Maessa Naval, UNVI, Aludec ou XEAL, que explicaron a situación laboral e a conflitividade. Tamén se abordou o estado das negociacións dos convenios do metal das provincias de Pontevedra e da Coruña.
En todos os casos o principal reto é facerlle fronte ás pretensións das direccións e das patronais de empeorar as condicións de traballo e trasladarlle á parte social as consecuencias da escalada bélica. Polo que, fronte á actual carestía da vida motivada polo contexto internacional, apelouse á necesidade de blindar o poder adquisitivo nos convenios colectivos mediante cláusulas de revisión salarial que non estean limitadas nin topadas.
Tamén se incidiu na necesidade de reforzar a presenza da CIG en todo o sector para contrarrestar o “entreguismo” que practican as centrais estatais CCOO e UGT, tal e como se evidenciou nos distintos conflitos e negociacións que se repasaron ao longo da asemblea.
A intervención final correu cargo do secretario nacional da CIG-Industria, Marcos Conde, que situou entre as principais eivas do sector a falta de capacidade de planificación propia e que se atopa exposto a decisións alleas. Un modelo industrial que -denunciou- conta coa colaboración activa das institucións que deberían defender os intereses do país. “A Xunta leva anos exercendo un papel de mero transmisor das políticas do capital, renunciando á súa responsabilidade de impulsar un modelo industrial propio. En consecuencia, seguimos sen un plan industrial para sectores clave. No automóbil, o que se presentou foi basicamente unha bolsa de subvencións para as empresas, sen unha estratexia definida nin garantías de futuro. No naval, aceptáronse reconversións que supuxeron perda de emprego e capacidade produtiva, para despois asumir o discurso da patronal de que falta persoal”.
De igual xeito, no ámbito enerxético esta situación de dependencia “é aínda máis clara”, xa que o noso país produce enerxía pero non decide sobre ela. “Non existe unha planificación orientada ás necesidades do país nin ao desenvolvemento industrial. O que hai é a continuidade dun modelo no que se nos asigna un papel extractivo e subordinado”.
Fonte a isto, apelou á necesidade de contar con capacidade de decisión para definir políticas industriais, enerxéticas, laborais e económicas en función da realidade galega. “E iso inclúe recuperar aquí a negociación colectiva, como ferramenta fundamental para defender condicións de traballo dignas”.
Porque a negociación colectiva estatal afonda neste problema. “A única opción que temos é conseguir convenios galegos para frear a precarización e ser garante dunha capacidade real de mudar e mellorar as nosas condicións. Asistimos a un empeoramento da negociación colectiva pola complicidade de CCOO e UGT na proliferación de convenios estatais que empeoran claramente as nosas condicións laborais”.
Neste contexto, para Conde cobra especial importancia o traballo desenvolvido polas persoas delegadas da CIG-Industria, “un traballo permitiu consolidar a presenza, aumentar a representación e reforzar a capacidade de intervención nos centros de traballo. Hai avances, e son froito do esforzo colectivo”.
Con todo, quixo deixar claro que a acción sindical non se limita ao centro de traballo. Porque as condicións de vida da clase traballadora están ligadas tamén á vivenda, á sanidade, ao ensino público, aos servizos sociais ou á defensa da lingua. “A resposta debe ser, polo tanto, global” rematou.