A CIG gaña por maioría absoluta as eleccións en Distribuciones Froiz de Poio

A central logrou seis dos nove delegados/as que se escollían
Pontevedra - 15 Xun 2018

A federación de Servizos da CIG de Pontevedra vén de gañar por maioría absoluta as eleccións sindicais celebradas na empresa Distribuciones Froiz de Poio, almacén no que traballan 184 persoas, ao lograr seis dos nove delegados/as que se escollían no comité.

O proceso de eleccións sindicais, no que a CIG-Servizos foi a central con maior representación, celebrouse o pasado día 7 de xuño. A central nacionalista logrou seis representantes no colexio de especialistas ao obter 119 votos, mentres que a UGT sumou dous grazas aos 36 apoios colleitados. A único delegado/a que se escollía polo colexio de técnicos/as e administrativos/as foi para a USO.

Dende a sección sindical da CIG en Distribuciones Froiz agradecen o apoio amosado polo cadro de persoal da empresa situada no concello pontevedrés de Poio e adiantan que continuarán a loitar na defensa dos dereitos laborais e pola mellora das condicións de traballo do conxunto dos empregados/as da compañía de distribución.