A CIG gaña as eleccións sindicais en Costiña SL

A central nacionalista obtivo 3 delegados a pesar da campaña “de acoso e derribo” practicada pola dirección da empresa

A Coruña -

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas o luns 4 de abril en Costiña SL (empresa do sector forestal). O proceso rexistrou máis dun 84% de participación, sendo a candidatura nacionalista a máis apoiada ao lograr o 53% dos votos e 3 delegados. A lista de CCOO recibiu un 38% de apoios, o que supón 2 delegados, mentres que o 7.5% dos votos foron en branco.

Os resultados, destacan dende a Unión Local da Mariña, chegan despois dunha campaña da empresa de acoso e derribo á candidatura da central nacionalista que viu como se lle poñían todo tipo de trabas, ameazas, presións, chegando a compañía a despedir ao  número un da candidatura o mesmo día que a CIG presentou o preaviso de eleccións.

Non obstante, engaden, un laudo arbitral permitiu que o compañeiro se presentase ás eleccións, á espera de que agora a xustiza se pronuncie sobre o seu despedimento.

Neste senso, a CIG da Mariña denuncia que “o despedimento non foi, en calquera caso, nada máis que a guinda do pastel da persecución  laboral e sindical que o compañeiro leva sufrindo nos últimos anos, tal e como o proban varias sentenzas xudiciais ao respecto”. Este acoso prodúcese logo de que, entre os anos 2008 e 2011, este traballador  liderara o comité baixo o que se asinaron os mellores convenios colectivos que tivo a empresa.

“Porque iso é o que temía a empresa neste proceso, que pasase o que finalmente aconteceu, e que se poña fin a anos de condescendencia sindical nos que a pesar dos atrasos, dos impagos, e da perda reiterada de dereitos, non houbera dende o comité nin un ápice de contestación e loita pola defensa dos dereitos laborais do persoal”, censuran.

Ábrese pois, logo deste proceso, unha nova etapa “na que a participación do cadro de persoal na toma de decisións, un verdadeiro asemblearismo, o primar por riba de todo dos intereses de traballadores e traballadoras, sexan as firmes sinais de identidade do novo comité de empresa”, conclúe a CIG da Mariña.

Volver