A CIG gaña a demanda presentada polo prezo das horas extras en Vitrasa, que é inferior ao das ordinarias

Fora un dos motivos polos que a central non asinou o último convenio

Vigo -

A sección sindical da CIG en Vitrasa vén de gañar nos Xulgados a demanda por conflito colectivo presentada contra a empresa polo prezo das horas extraordinarias, asinadas en convenio por CCOO, UGT e USO, xa que é inferior ao das ordinarias. Tras a decisión xudicial, a dirección da concesionaria do servizo municipal de transporte de Vigo terá que pactar coa representación dos traballadores/as un novo prezo para este concepto.

Dende a CIG-Vitrasa lembran que esta irregularidade xa fora denunciada diante da Inspección de Traballo e da Xunta de Galiza, sen que tivesen feito nada para corrixir a situación. O prezo por baixo da ordinaria e a obriga de facer as horas extra que a empresa asigna fora precisamente un dos motivos que levou a central a non asinar o último convenio colectivo ao entender que se trataba dunha retribución ilegal xa que incumpre o artigo 35.1 do Estatuto dos Traballadores/as, que establece que as horas extras e as ordinarias teñen que ser pagadas polo menos ao mesmo prezo. 

O prezo das horas fora denunciado na Inspección de Traballo e na Xunta, que non fixeron nada para corrixilo

Outros dos aspectos que motivaran a negativa da CIG a ratificar o convenio foran a súa excesiva duración (2015-2020), a escasa contratación á que se comprometía a empresa (só 12 indefinidos/as durante os seis anos de duración do convenio), a fraudulenta contratación eventual (xa que se utilizan distintos empregados/as para cubrir os mesmos postos, incumprindo o artigo 15.5 do Estatuto dos Traballadores/as) e a insuficiente redución da xornada anual.

Finalmente, dende a sección sindical da central nacionalista na empresa de transporte urbano adiantan que a seguinte cuestión a resolver é “o abuso que está a sufrir o colectivo de traballadores/as eventuais por parte da empresa e a contratación fraudulenta”.

Volver