A CIG formaliza a presentación da folga de mulleres do 8 de Marzo

Chama a secundar os paros de dúas horas por quenda de traballo e as mobilizacións convocadas

Nacional -

A CIG formalizaba este luns no rexistro da Consellaría de Economía, Emprego e Industria a convocatoria da folga de mulleres que terá lugar o 8 de Marzo en Galiza, no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia.

A folga, que afectará a todas as actividades e centros de traballo de Galiza, tanto das empresas privadas como do sector público, farase efectiva nas franxas horarias comprendidas entre as 00h e ás 02 horas, das 12 a 14 horas e das 19:30 a 21:30 horas; é dicir en paros laborais de dúas horas por quenda de traballo.

A secretaria confederal de mulleres da CIG, Margarida Corral, quen acudiu ao rexistro acompañada pola Comisión de Mulleres da CIG e o secretario xeral, Paulo Carril, explicou que a decisión de convocar paros laborais responde ao debate iniciado en novembro de 2017 nos diferentes organismos da central sindical, nos que se acordou que o 25 de novembro (Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres) se iniciase a conta atrás para a consecución o 8 de Marzo de 2018 dun Paro Internacional de Mulleres. Unha folga, en palabras de Margarida Corral, “que rache coa hipocrisía no que se están a converter a celebración de datas senlleiras vinculadas cos dereito das mulleres, recuperando o carácter reivindicativo e de clase que ten o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora”.

Chamada a participar nas mobilizacións

A concreción das horas dos paros obedece á intención de facilitar que todas as mulleres poidan participar na folga sexa cal sexa o seu horario laboral e ao tempo, nas mobilizacións que se convoquen durante esa xornada.

A propia CIG -ao igual que vén facendo cada 8 de marzo- desenvolverá ese día concentracións nas sete cidades galegas. Ademais, intentarase estender a convocatoria de mobilizacións ao maior número de vilas posíbel, para facilitar a participación das mulleres que non poidan desprazarse nesta xornada reivindicativa. Naqueles lugares onde non sexa posíbel convocar actos de protesta, a central sindical chama as mulleres que secunden o paro laboral a saír ás portas dos seus centros de traballo con carteis e simboloxía alusiva á folga.

De igual xeito, a Confederación Intersindical Galega fará un chamamento a participar en todas as mobilizacións que durante a tarde sexan convocadas polo movemento feminista galego nas principais localidades do país, e previamente, a secundar a manifestación nacional unitaria que se está a organizar para a primeira semana de marzo.

A CIG, na vangarda da defensa das reivindicacións das mulleres

O obxectivo desta folga, segundo explicou a secretaria confederal de mulleres da CIG, é mostrar a repulsa á desigualdade e invisibilidade históricas que soportan as mulleres, esixir a mellora das súas condicións sociolaborais e a fin da discriminación laboral que sofren, e que se veu agravada polas medidas aplicadas baixo a coartada da crise económica.

A este respecto valorou xa como un éxito o feito de que se estea a debater nos centros de traballo a necesidade de convocar unha folga destas características e que se estea a xerar conciencia entre as propias mulleres das discriminacións das que son vítimas en todos os ámbitos da súa vida e que moitas veces, por cotiás, pasan desapercibidas. “É revolucionario que por vez primeira na historia o papel dos homes vaia ser secundario, na retagarda, de acompañamento, de solidariedade, e o das mulleres, protagonista, simbolizando a loita histórica que deu orixe ao 8 de Marzo, ás revoltas de mulleres en varios países do mundo, e a vixencia da convocatoria. Isto vainos servir para que no ano 2019 e en anos sucesivos vexamos a convocatoria do 8 de marzo, a xornada do 8 de marzo como algo diferente”, afirmou.

É revolucionario que por vez primeira na historia o papel dos homes vaia ser secundario, na retagarda, e o das mulleres, protagonista, simbolizando a loita histórica que deu orixe ao 8 de Marzo"

“Para nós –continuou- esta convocatoria é nova xa que non hai precedentes na historia do sindicalismo organizando convocatorias destas características. Conflitos protagonizados por mulleres temos a moreas, mais neste caso falamos dunha folga xeral de mulleres que vai ser secundada en 57 países do mundo; mulleres en loita contra os ataques sufridos polo mero feito de selo, no marco dunha convocatoria internacional que vai máis aló das discriminacións laborais, denunciando tamén as agresións sexuais, as agresións machistas e os feminicidios”.

Neste senso, Corral precisou que, aínda que formalmente a convocatoria foi rexistrada como unha "folga xeral" ao ser este o concepto xurídico que permite dar cobertura a unha folga en todos os sectores de actividade, a CIG fai un chamamento só as mulleres a secundar os paros e as mobilizacións do 8 de Marzo. "Queremos demostrar a forza e capacidade de mobilización das traballadoras galegas, por iso chamamos a todas as mulleres cun traballado remunerado, mais tamén as estudantes, as xubiladas, as desempregadas, etc. a que participen activamente nesta xornada de loita e reivindicación", xa que a folga vai máis aló do ámbito laboral "e afecta tamén ao eido social que nos é común a todas as mulleres", engadiu.

As discriminacións persisten

Na súa intervención, Margarida Corral subliñou que as mulleres somos as grandes vítimas do conxunto de reformas e recortes que os gobernos viñeron aplicando baixo a escusa da crise, e que lonxe de recortárense as discriminacións que padecemos con respecto aos homes, estas agrandáronse. Lembrou que as mulleres galegas perciben de media uns ingresos equivalentes ao 77,7% dos ingresos dun home, cando no 2009, coincidindo co estoupido da crise, a porcentaxe era do 76,9%. Pero este achegamento é enganoso, matiza Corral, xa que se debe á perda de ingresos dos homes durante este período e non a unha mellora nos ingresos das mulleres.

 

Engadiu que a fenda salarial en Galiza é do 23%, pois mentres o salario medio anual dos homes está nos 20.243€ o das mulleres só acada os 15.730€ e ademais, as xornadas das mulleres son maioritariamente parciais e os seus contratos temporais, o cal afecta aos seus salarios, á súa cotización e diminúe a posibilidade de acceder a unha xubilación digna.

Xunto a isto, as mulleres seguimos a sufrir atrancos na conciliación da vida familiar e laboral, que converten a Galiza na segunda comunidade do estado na que máis demandas laborais se presentan en relación con concrecións horarias de redución de xornada, permisos de lactación, etc., acolléndose as mulleres de xeito maioritario a solicitudes de excedencia por coidado.

Pero ademais, "as mulleres continuamos a ser obxecto de agresións sexuais, na rúa e no lugar de traballo, sen que se adopten medidas urxentes que garantan a nosa integridade. De nada serve aprobar protocolos de prevención e actuación ante o acoso, ante a violencia machista, ou planes de igualdade de oportunidades se estes son baleiros de contido, se non identifican as discriminacións, se non mudan o status quo", valorou Corral.

Finalmente insistiu en que "temos que rachar coa hipocrisía que xira arredor da conmemoración dun 8 de Marzo. Non permitamos que nos feliciten, que o capitalismo comercialice e banalice esta data. Tampouco permitamos celebracións hipócritas por parte dos gobernos que teñen a responsabilidade de eliminar a desigualdade e de lexislar para que se garantan os nosos dereitos, e pola contra, se inhiben desta responsabilidade e mesmo negan a existencia de discriminacións".

Volver