A CIG faise con toda a representación en AIMEN do Porriño ao lograr 13 delegados nos dous centros de traballo

“O excelente resultado avala o traballo desenvolvido e coincide coas mobilizacións na empresa para reclamar uns salarios dignos”
O Porriño - 29 Xun 2023

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais que se celebraron este luns 26 no Centro Tecnolóxico AIMEN do Porriño, onde se fixo con toda a representación ao obter os 13 delegados/as que se escollían nos dous centros de traballo da empresa.

Neste proceso electoral o comité de AIMEN pasou de contar con 9 membros (6 representantes da CIG e 3 independentes) a 13, que nesta ocasión foron todos para a CIG. Segundo salientan dende a central sindical, o excelente resultado obtido avala o traballo desenvolvido para representación da CIG, “que sae reforzado incluso cando se están a producir paros e mobilizacións na empresa para rexeitar a conxelación salarial e reclamar soldos dignos, protestas que están a ser secundadas pola maioría dos 290 traballadores/as”. 

O comité de empresa pasa por primeira vez de 9 a 13 membros

Até o de agora o cadro de persoal de AIMEN desenvolveu dous paros dunha hora entre as 11:00 e as 12:00 horas os pasados días 23 e 27 de xuño e aproveitou para levar a cabo concentracións diante do centro de traballo de Torneiros na primeira xornada e ás portas das instalacións do centro de aplicacións láser no polígono de Cataboi na segunda.

As partes levan dende xaneiro negociando un acordo de empresa, chegando a pactos sobre os horarios e na forma en que se aplica o plus de transporte, “mais á hora de establecer o incremento salarial a dirección négase argumentando que están en perdas e que o fai para garantir a viabilidade da compañía, cando este ano prevé aumentar a súa facturación en máis de 2 millóns de euros, pasando dos máis de 17 do ano pasado aos cerca de 20 do actual”, explican dende a CIG en AIMEN.