A CIG do Salnés fíxose coa maioría absoluta nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar no supermercado Alcampo de Vilagarcía de Arouse ao sumar ao lograr 6 dos 9 representantes que se escollían no comité de empresa.
No proceso celebrado no día de onte a central sindical obtivo 4 delegados/as grazas aos 48 votos que sumou no colexio de especialistas e 2 delegados/as grazas aos 17 votos que contabilizou entre o persoal técnico e administrativo.
É a primeira vez que a CIG consegue a vitoria neste centro de traballo, xa que nas anteriores eleccións sumara 3 de 9 representantes
É a primeira vez que a CIG consegue a vitoria neste centro de traballo, xa que nas anteriores eleccións sindicais sumara 3 de 9 representantes. O actual comité de empresa de Alcampo en Vilagarcía complétano os 2 delegados/as que logrou Fetico entre o persoal técnico (24 votos) e administrativo e o único representante obtido pola UGT no colexio de especialistas (8 votos).
Dende a central sindical agradecen o contundente apoio recibido por parte das persoas traballadoras da empresa de alimentación e salientan a intensa labor desenvolvida nestes anos pola representación da CIG, o que lle permitiu gañarse a confianza do cadro de persoal até o punto de alzarse coa maioría absoluta por primeira vez nas eleccións sindicais.
Finalmente, renovan o seu compromiso coa defensa dos dereitos de todas as persoas traballadoras de Alcampo e amosan a súa disposición a seguir a traballar na ampliación de dereitos e na mellora das condicións laborais.