A CIG vén de expresar publicamente a súa solidariedade cos presos políticos saharauís do grupo Gdeim Izik en folga de fame, cando se cumpren xa 23 días desde o inicio desta acción de protesta o 23 de setembro.
A folga de fame está a ser desenvolvida paralelamente por cinco dos nove presos deste grupo desde distintos cárceres marroquís ante as condicións de reclusión sen garantías nin condicións legais básicas, como a privación do dereito de recibiren visitas dos familiares ou de se comunicaren con eles telefonicamente. A súa preocupante situación de saúde supón unha emerxencia humanitaria que chama por unha intervención urxente e inmediata da comunidade internacional.
Cómpre lembrar que Gdeim Izik constituíu un precedente nas revolucións da chamada primavera árabe, co asentamento do coñecido como campamento da dignidade en novembro de 2010, cerca da cidade ocupada de Al Aiún (Sáhara Occidental), que fora desmantelado cunha forte intervención militar e policial marroquí. Desde entón, as Nacións Unidas, mediante o seu grupo de traballo sobre Detención Arbitraria, concluíra que se produciran graves violacións das garantías xudiciais no proceso de condena, como as confesións baixo tortura.
A súa preocupante situación de saúde supón unha emerxencia humanitaria que chama por unha intervención urxente e inmediata da comunidade internacional
Durante a xornada do 12 de outubro, Día da Unidade Nacional Saharauí, desenvolvéronse protestas dos familiares fronte á sede da Delegación Xeral da Administración Penitenciaria e Reinserción de Rabat, que se saldaron cunha acción de represión por parte do réxime marroquí, con persoas feridas e coa detención de seis militantes. Nos días previos a este acontecemento, unha visita dunha delegación francesa constituída por dous representantes municipais franceses e pola activista Claude Mangin, tamén esposa de Naama Asfari, foron privados do acceso ao réxime de visitas a este preso mentres que a activista, por outra parte, foi xa retida no aeroporto á espera da súa expulsión.
A situación dos presos políticos saharauís continúa a ser denigrante e obviada polos organismos internacionais que velan polos dereitos humanos, pois son coñecidos os tratos humillantes e as medidas punitivas ás que constantemente se lles somete, sobre as que xa se ten pronunciado a ONU.
A CIG súmase á campaña internacional pola liberación dos presos políticos saharauís e á exixencia de liberdade inmediata para os activistas detidos na xornada de protesta deste luns; así como ao chamamento aos organismos da ONU e organizacións polos dereitos humanos para garantir o dereito á atención médica, á comunicación e a recibir visitas dos seus familiares, entre tanto non se produza a súa liberación en aplicación das resolucións da ONU que declararon ilegais estas detencións pola condición de arbitrariedade e polas graves violacións dos dereitos humanos cometidas polo réxime alauita.