A CIG exixe unha negativa inmediata da Xunta ao plan de Ferroatlántica para segregar as actividades

Carril chama a participar na manifestación deste sábado 8 na segunda xornada da marcha a pé
Cee - 06 Xul 2017

Na segunda xornada da marcha que onte saíu a pé desde Cee para chegar este sábado a Compostela, máis de 70 traballadores/as de Ferroatlántica, entre elas o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, percorreron o camiño que separa a Picota de Negreira. Unha mobilización contra a segregación das actividades de ferroaleación e hidroeléctricas, en defensa dos nosos recursos naturais e polo mantemento do emprego na comarca da Costa da Morte na que Carril exixiu da Xunta de Galiza unha negativa inmediata ás pretensións de Villar Mir.

No decurso da marcha o secretario xeral da CIG criticou as declaracións que onte fixo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e asegurou que “canto máis tarde a Xunta en dar unha resposta negativa á solicitude da empresa máis está amparando unha venda que é ilegal, inxusta e que consuma un intento de espolio dos nosos recursos naturais”.

Carril entende que o marco legal é incuestionábel e que co seu silencio a Xunta “está alimentando unha posibilidade de segregación de actividades e un plan industrial da empresa que é unha auténtica mentira”. Nese sentido asegurou que esa proposta “forma parte dunha operación especulativa para apropiarse dos recursos naturais de Galiza e dos seus millonarios beneficios”, para seguir a engrosar a fortuna de Villar Mir.

O secretario xeral da CIG, que fixo un chamamento a participar masivamente na manifestación convocada para este sábado en Compostela, considerou que “a única garantía de emprego presente e futura pasa por manter a situación de non venda, non segregación e mantemento da vinculación das ferroaleacións coas concesións hidroeléctricas”.

Por iso reiterou a exixencia da CIG e dos traballadores/as de Ferroatlántica de que esa resposta sexa inmediata, porque dilatándoa no tempo o que está é “provocando preocupación e causando esta mobilización”.

Marcha a pé

Ás tres e media da tarde os máis de setenta traballadores/as continuaban o seu percorrido até Negreira. A etapa deste venres será máis liviá porque teñen previsto que a marcha saia desde Negreira ás 10:00 horas e percorrer desde aí os 12 quilómetros que hai até Bertamiráns.

Na última etapa, o propio sábado día 8, sairán ás 8:00 horas de Bertamiráns, para chegar ás 11:30 horas a Compostela para unirse á manifestación que percorrerá, a partir desde as doce do mediodía a cidade desde a Alameda baixo o lema “As nosas centrais non se venden. Evitemos o espolio dos nosos recursos naturais”.