A CIG exixe a dimisión ou o cesamento de José González tras a sanción á adega da súa familia por empregar persoas migrantes sen papeis

Paulo Carril considera “intolerable” que a máxima autoridade laboral galega continúe no cargo despois de que a Inspección de Traballo confirmase as irregularidades laborais
Nacional - 16 Set 2026

A CIG considera “intolerable” que o conselleiro de Emprego, José González, continúe exercendo como máxima autoridade laboral de Galiza despois de que a Inspección de Traballo sancionase a adega da súa familia por empregar persoas migrantes sen papeis durante a vendima do pasado ano. O secretario xeral, Paulo Carril, exixe que o conselleiro dimita ou sexa cesado e cuestiona que poida seguir exercendo a responsabilidade de velar polo cumprimento dos dereitos das persoas traballadoras cando, na súa contorna familiar, se produciron os feitos confirmados pola Inspección de Traballo.

Para Carril “que á máxima autoridade laboral galega se lle descubra -non que o contara nun exercicio de transparencia- o grao de irregularidades, ademais, con persoas migrantes e, ademais, a través das modalidades de contratación máis precarias, como son as empresas de traballo temporal, e que siga sendo a máxima autoridade laboral, é intolerable”.

Por iso advirte que “o tempo que tarde en dimitir, ou o tempo que tarde en ser cesado, por quen o nomeou, fai culpable ao Goberno galego e a Rueda tamén”.

O secretario xeral da CIG lembra que estamos falando da máxima representación da autoridade laboral galega, de “quen debe velar polos dereitos das persoas traballadoras, e máis nun momento tan especial como o que vivimos, no que ten que ver coa dignidade das persoas migrantes”. Neste sentido subliña que diante da “fraude” que se puidera ter cometido e, dando por feito que o labor da Inspección de Traballo confirma a veracidade dos feitos, “darlle normalidade a este feito parécenos grave”.

Carril lembra que esta situación “dáse no contexto dunha adega vinculada cun conselleiro que ten responsabilidades, aínda que formalmente non teña cargos na empresa, pero que, en todo caso, vén precedido tamén de actuacións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación con obras ilegais que non tiñan as licenzas oportunas”.

Por todo isto considera que “a máxima autoridade laboral galega non está lexitimada para seguir exercendo esa responsabilidade, porque foi incapaz de que funcionasen os mecanismos de defensa dos dereitos das persoas traballadoras e de que, ademais, se coñecese isto despois do tempo transcorrido”.

Reclamación das competencias en materia de permisos de estranxería

O secretario xeral da CIG sinala, ademais, que este conselleiro é especialmente reivindicativo reclamando que se lle transfiran a Galiza as competencias dos permisos de estranxeiría para a consellaría de Traballo. Por iso, subliñando que a CIG, como organización nacionalista de clase, reclama todas as competencias para Galiza “para gañar dereitos, non para disfrazar a explotación”, alerta de que neste caso poida ser “para facer a vista gorda ante realidades como esta”.

Deste xeito conclúe que, co ocorrido, o conselleiro carece de lexitimidade para dirixirse quer ao empresariado, quer ás organizacións sindicais, e debe dimitir ou ser cesado “nun exercicio de decencia”.