O sector de Xustiza da CIG-Administración esixe rematar de inmediato coas deficiencias que presenta dende hai anos a sala de autopsias do Instituto de Medicina Legal de Galiza (IMELGA) en Pontevedra, xa que o posíbel traslado ao novo Hospital de Montecelo non pode servir de escusa para atrasar as solucións que garantan a seguridade do persoal e das persoas usuarias mentres a sala siga en funcionamento.
A central sindical reclámalle á Dirección Xeral de Xustiza e ao SERGAS unha intervención urxente na sala de autopsias do IMELGA, situada no Hospital Provincial de Pontevedra, para corrixir as deficiencias e garantir a seguridade e a saúde do persoal que traballa nas instalacións, así como das persoas usuarias e do resto de profesionais do centro médico.
Xa en 2009 se denunciaban publicamente as precarias condicións das instalacións. Máis de 14 anos despois continúan existindo deficiencias que requiren actuacións concretas e inmediatas
O sindicato lembra que esta problemática vén de lonxe, e que xa en 2009 se denunciaban publicamente as precarias condicións das instalacións. Máis de 14 anos despois continúan existindo deficiencias que requiren actuacións concretas e inmediatas, entre elas a presenza de vapores de formaldehido detectada nas medicións realizadas o 27 de xaneiro de 2026, ademais de problemas relacionados coa ventilación e outros elementos das instalacións.
A CIG considera que o posible traslado da actividade ao novo hospital de Montecelo non pode xustificar máis demoras. “Mentres a sala de autopsias continúe en funcionamento, a Administración ten a obriga de garantir unhas condicións adecuadas de seguridade, hixiene e saúde laboral, adoptando de inmediato as medidas provisionais que sexan necesarias e executando as actuacións preventivas pendentes”.
Por iso, dende a central sindical solicitan unha inspección integral e urxente das instalacións, a corrección das deficiencias detectadas, a identificación das administracións responsábeis e o establecemento de prazos concretos para executar as medidas necesarias. Tamén reclaman información oficial sobre o posible traslado a Montecelo e sobre os prazos previstos para facelo efectivo.
Finalmente, insisten en que a seguridade das persoas traballadoras e usuarias do hospital Provincial non pode quedar supeditada a futuros cambios de localización nin á falta de coordinación entre administracións. “Despois de anos de denuncias, fan falta solucións, non máis promesas. Mentres haxa persoal traballando na sala, debe estar garantida a súa seguridade”, rematan.