A CIG esixe que se respecte o dereito á subrogación do persoal de socorrismo das praias da Coruña

A Coruña - 18 Xun 2018

Ante a rescisión do contrato do servizo de salvamento e socorrismo das praias da Coruña, a CIG reclama ao Concello que obriga a nova empresa adxudicataria a cumprir de xeito íntegro o estabelecido no convenio colectivo de aplicación: isto é, que se respecte tamén o dereito de subrogación da totalidade do persoal contratado.

A central fai este chamado á vista da problemática xerada na adxudicación do contrato e lembra que, aínda que dentro duns días cambie a empresa adxudicataria, existe persoal xa contratado para realizar as tarefas de salvamento e socorrismo e, polo  tanto, debe ser subrogado tal e como estabelece o convenio de instalacións deportivas de Galiza.

Neste senso, subliñar que se a inaplicación das táboas salariais do convenio foi a base do recurso e da decisión de anular o contrato por parte da Xunta, tamén haberá que cumprir o marco normativo no tocante á subrogación.

A CIG estará vixilante a como se produza o cambio do servizo de Top Rescue á nova empresa, previsibelmente MOVE, e velará para que se respecten os dereitos dos traballadores e traballadoras que prestan o servizo.

Doutra banda, sinalarlle ao Concello da Coruña que, de cara a outros concursos, se deixen de primar os criterios economicistas e se valore máis o cumprimento do convenio colectivo de referencia e o respecto aos dereitos e condicións laborais dos traballadores e traballadoras.