A CIG esixe que se depuren responsabilidades pola morte dun operario no Porto da Coruña

Denunciará no Xulgado, trasládalle o seu apoio á familia e sinala falta seguridade por precarización estiba

A Coruña -

A CIG anunciou hoxe que comparecerá como acusación particular no Xulgado contra a empresa na que traballaba o operario morto este luns en accidente laboral no porto da Coruña e presentará denuncia ante a Inspección de Traballo para esixir que se depuren responsabilidades e se tomen as medidas oportunas. A central ofreceralle asesoramento á familia do falecido, que ademais era delegado sindical da FGAMT-CIG, trasládalle todo o seu apoio e solidariedade e denuncia a falta de seguridade laboral como consecuencia da crecente precarización do proceso de estiba e desestiba.

A morte do traballador tivo lugar no almacén que as compañías Laxe Marítima (á que pertencía o falecido) e Terminales Marítimos de Galicia (TMGA) teñen no peirao Calvo Sotelo do Porto coruñés e produciuse como consecuencia da caída dunha pesada carga que manipulaba. 

O falecido, que era delegado sindical da FGAMT-CIG, posuía formación e experiencia na manipulación de mercadorías

Dende a central lembran que o operario posuía boa formación e experiencia no que ten que ver coa manipulación de mercadorías portuarias, ademais de ser un delegado preocupado polos temas de seguridade e saúde laboral.

Neste senso, denuncian que Porto da Coruña existe un alto nivel de precarización laboral, no que as empresas foron afondando mediante a contratación de traballadores/as de ETT dende hai anos e a redución do cadro de persoal da sociedade de estiba e desestiba, que as empresas pretenden disolver.

"Este nivel de precarización, con máis traballadores/as de ETT que do propio cadro de persoal, tradúcese en menos seguridade laboral, xa que o persoal de ETT adoita rotar en diferentes postos e empresas que operan no porto", denuncia o secretario comarcal da FGAMT-CIG da Coruña, Manuel Camiño.

Garantir a seguridade do persoal

Diante disto, a CIG esixe que se depuren responsabilidades e se tomen as medidas oportunas e reclámalle ás empresas que operan no Porto como á Autoridade Portuaria da Coruña que adopten decisións urxentes para garantir a seguridade dos traballadores/as.

Tamén demanda que se leven a cabo maior número de inspeccións de traballo nas operativas portuarias por ser este un sector no que se manexan grandes volumes de mercadorías, se traballa con maquinaria pesada e no que varias empresas operan nunha mesma actividade.

Volver