A CIG esixe o desbloqueo na tramitación da RPT do Concello de Pontevedra

Rexeita a negociación “por parcelas” e insta á convocatoria da mesa xeral de negociación

Pontevedra -

A central nacionalista sostén que tras dous anos, o proceso na tramitación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Pontevedra “non se pode dilatar máis”, e insta o goberno local á convocatoria da mesa xeral de negociación para lograr unha solución que implique a todos os colectivos, deixando de lado as “negociacións parciais”.

A responsábel comarcal da federación de Administración da CIG, Dina Porral, acompañada do secretario comarcal, Marcos Conde, así como de membros da sección sindical da CIG no Concello, compareceron na mañá de hoxe en conferencia de prensa para dar un toque de atención ao executivo local sobre a necesidade de axilizar e desbloquear o proceso da RPT. 

O goberno municipal debe abandonar as negociacións "en despachos ou por chiringuitos”

 Afirman que, para logralo, o goberno municipal debe abandonar tanto a pretensión de chegar a acordos por unanimidade como as “negociacións en despachos ou por chiringuitos”, cuestións que, para a central nacionalista, están a demorar de xeito inxustificado o trámite. “Os acordos deben tomarse nas mesas e por maioría, tal e como indica a lei”, insisten.

Matizan, ademais, a súa postura a respeito doutros sindicatos, aos que co-responsabilizan do bloqueo, reivindicando “unha RPT que dea solucións ao conxunto do persoal, independentemente de onde traballe”.

Desacordo coa metodoloxía da empresa

Segundo indicou Duarte, membro da xunta de persoal no Concello, “a finalidade da RPT non é unicamente económica”, se non que “é fundamental que se realice unha valoración obxectiva dos postos” como o “instrumento máis importante para o día a día do persoal”.

Nese sentido, criticou tanto a metodoloxía como a “falta de obxectividade” da empresa contratada para a elaboración da relación, con “ponderacións que distorsionan as características dos postos” e que están a xerar malestar entre os traballadores/as municipais, ao non clarificar adecuadamente as funcións.

Volver