A CIG esixe a dimisión do Delegado do Goberno ante a violenta represión policial exercida contra manifestantes antifascistas na Coruña

A central nacionalista celebra a masiva resposta á presenza de VOX na cidade herculina, reafirmando que os discursos fascistas non teñen cabida na sociedade galega
- 21 Out 2026

A CIG esixe o cese ou dimisión inmediatos do Delegado do Goberno na Galiza ante a violenta represión policial exercida esta mañá na Coruña contra manifestantes antifascistas no entorno da praza de María Pita, con duras cargas exercidas por 'antidisturbios', uso de gas lacrimóxeno, detonacións e detencións.

A protesta, convocada para rexeitar a presenza do partido VOX na cidade, logrou reunir milleiros de persoas, na súa maioría mozos e mozas, para rexeitar a normalización dos discursos de odio espallados pola forza de ultradereita españolista.

A central nacionalista condena estes feitos, parabenizando a masiva resposta amosada, en particular aos sectores do estudantado e mocidade traballadora, e refirmando que na sociedade galega non teñen cabida os discursos do fascismo.

Por último, ademais da petición de dimisión do Delegado, esixe do Goberno do Estado a toma de medidas e a depuración de responsabilidades ante a reiteración de abusos e cargas contra todo tipo de protestas sociais mentres se detecta a pasividade dos corpos policiais, cando non a plena connivencia, coas expresións da ultradereita españolista.

Neste sentido, e con motivo de denunciar os feitos acontecidos esta mañá, a CIG chama a participar da concentración que terá lugar hoxe, mércores 21 de outubro, ás 19:30h, diante da subdelegación do Goberno na Coruña.