A CIG entrevistarase coa Comisaria de Emprego e Asuntos Sociais da UE

No encontro abordarase a dramática situación socioeconómica de Galiza

A Coruña -

A CIG vai manter unha entrevista en Bruxelas coa Comisaria de Emprego e Asuntos Sociais da UE, Marianne Thyssen, na que se abordará a situación “tremendamente dramática” que vive Galiza, tanto no referido ás cifras de desemprego, á precariedade dos postos de traballo, ao desmantelamento dos sectores produtivos básicos, aos elevados niveis de emigración –especialmente entre a xente moza-, como ao alarmante incremento do número de fogares galegos que se atopan en risco de pobreza.

Ademais da delegación da CIG, encabezada polo Secretario Xeral, Xesús Seixo, no encontro a celebrar o vindeiro martes, 20 de setembro, participarán tamén membros doutras organizacións galegas de carácter social. A entrevista coa comisaria europea foi xestionada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, quen participará na xuntanza.

No transcurso da reunión, a CIG fará entrega dos informes elaborados polo Gabinete Técnico Confederal, que poñen de manifesto que, fronte a propaganda do PP sobre a saída da crise grazas ás denominadas ‘medias de axuste’, a realidade vai por outro lado.

As políticas austericidas teñen deixado tras de si un regueiro de vítimas: miles de galegas/os desempregados/as, de traballadores/as pobres, de excluídos/as aos que xa nin se lles recoñece o dereito a cobrar unha prestación e miles de mozos/as que tiveron que recorrer á emigración como única alternativa laboral.

Destacábel é a reaparición da figura, esquecida desde o remate do franquismo, do traballador ou traballadora pobre, situación á que se chega, tal e como se tira dos datos analizados nos informes, nuns casos polos salarios de miseria, noutros casos pola temporalidade da contratación, noutros polas xornadas parciais e nos máis, por todo á vez.

Nos últimos cinco anos produciuse un descenso dos salarios da maioría da poboación asalariada en termos reais, xunto cun descenso do número de asalariados/as, e o único grupo de traballadores/as que medra en Galiza é o de aqueles/as que cobran menos da metade do SMI. Colectivo que representa xa o 18,4% dos asalariados/as, cando en 2009 eran o 14,5%.

Risco de pobreza

Xunto a estes demoledores datos, non cómpre esquecer que case 700.000 galegos e galegas se atopan en risco de pobreza ou exclusión social, e máis de 100.000 sofren carencias materiais severas.

Precisamente, para falar desta situación, o luns día 19, a representación da CIG ten programada unha visita ás instalacións do Parlamento Europeo e unha reunión con Fintan Farrell, director da oficina da Rede Europea contra a Pobreza-EAPN (nas súas siglas en inglés).

Volver