A CIG-Ensino trasládalle á ministra de Educación as demandas urxentes do profesorado galego

Derrogar a LOMCE, eliminar a taxa de reposición ou recuperar dereitos, entre as principais reivindicacións

Nacional -

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, participou no día de hoxe, 26 de xullo, no primeiro encontro que o novo equipo do Ministerio de Educación e Formación Profesional (MEFP) mantivo coas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial do Estado.

No encontro, no que participaron a ministra, Isabel Celaá, o secretario de Estado, Alejandro Tiana, o subsecretario, Fernando Gurrea e outros altos cargos do MEFP, así como representantes dos demais sindicatos, Suso Bermello deu traslado das reivindicacións e principais preocupacións que o profesorado galego ten en aspectos relacionados co ámbito competencial do Ministerio.

Derrogar a LOMCE respectando a pluralidade do Estado

CIG-Ensino avoga por unha nova Lei que sexa de mínimos e que permita o desenvolvemento dunha Lei Galega de Educación

Suso Bermello defendeu como elemento fundamental a derrogación da LOMCE, unha lei imposta unilateralmente polo Partido Popular e que recibiu unha contestación social sen precedentes. O secretario nacional da CIG-Ensino avogou por unha nova Lei que sexa de mínimos e que permita o desenvolvemento dunha Lei Galega de Educación que dea resposta ás necesidades do noso sistema educativo, respectando o carácter plurinacional, plurilingüístico e pluricultural do Estado español.

Recuperar dereitos, aumentar profesorado

Con respecto ao anuncio do Ministerio de derrogar o RDL 14/2012 de recortes de dereitos para o profesorado que fixaba, entre outras cuestións, un horario de 20 períodos lectivos para o profesorado de secundaria e de 25 para o corpo de mestres, o responsábel da CIG-Ensino amosou a satisfacción do sindicato pola medida proposta polo Ministerio de derrogar os artigos que fan referencia ao aumento de ratio e de horario lectivo do profesorado de secundaria, unha demanda permanente do sindicato, mais amosou o malestar por se ter coñecido o borrador do novo texto sen que previamente fose contrastado coas organizacións sindicais.

A CIG-Ensino emprazou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a desbloquear o inmobilismo da Consellaría de Educación e anular o incremento de horario lectivo que o PP galego aplicou no ano 2009, previo mesmo aos recortes de Rajoy, e apelou directamente á responsabilidade do presidente galego para a recuperación dos dereitos do profesorado, algo ao que se negou en datas recentes coincidindo coa última negociación na Mesa Sectorial galega.

Neste sentido, o secretario nacional da CIG-Ensino insistiu en que unha demanda urxente do persoal docente galego é romper ese bloqueo que neste momento mantén o goberno Feijóo e recuperar as 18 horas lectivas en secundaria e 21 en infantil e primaria vixentes con anterioridade.

Eliminar a taxa de reposición

A central pide recuperar as 18 horas lectivas en secundaria e 21 en infantil e primaria, e derrogar a norma que permite aumentar o número máximo de alumnado por aula

Un terceiro tema de especial relevancia para o profesorado galego é a eliminación, con carácter permanente, da taxa de reposición para o ensino público, un elemento empregado en plena crise polos gobernos de Zapatero e Rajoy para reducir o acceso á función pública docente de miles de profesionais.

Neste sentido, a CIG-Ensino trasladoulle aos e ás responsábeis do Ministerio a posición contraria do sindicato maioritario galego ao mal chamado acordo de “estabilidade” asinado polo PP cos sindicatos CCOO, UGT e CSIF e que non levanta o veto a esa taxa de reposición, senón que se conforma con que volva a aparecer logo de tres convocatorias de emprego. Os plans do Ministerio, a teor do manifestado polos seus responsábeis na reunión, parece que van camiño desta eliminación, que para a CIG-Ensino debe ser permanente.

Un novo modelo de acceso á función pública docente

A CIG-Ensino incidiu tamén na necesidade de acometer con valentía á negociación dun novo modelo de ingreso á función pública docente con carácter transitorio, motivado no alto índice de persoal interino que as propias políticas de redución de persoal provocou. Ese novo modelo, segundo a CIG-Ensino, debe ter como referente a dobre vía de acceso, previo cambio da lexislación que a día de hoxe limita esta posibilidade e que serviu sempre de escusa a todos os gobernos para evitar esta modalidade.

A CIG-Ensino xa amosou na negociación a finais de 2017 e principios de 2018 dos lixeiros cambios no Real Decreto de Acceso e Ingreso que o marco legal actual e a falta dunha negociación previa que se adaptase á realidade actual do profesorado podían implicar a perda do posto de traballo ou unha maior inestabilidade laboral para moito persoal interino.

Nestas mesmas datas, co resultado das actuais oposicións, vimos de comprobar como as denuncias da CIG-Ensino estaban plenamente xustificadas e que acometer reformas que non incidan, como mínimo, no cumprimento estrito do modelo de concurso-oposición é intentar enganar ás persoas aspirantes a un posto fixo na docencia.

Respecto ao ámbito competencial

A CIG aposta por un ensino laico no que a relixión non teña presenza nos currículos académicos

Suso Bermello tamén avogou por un cambio de rumbo total no que ten a ver coa ausencia de negociación e coa política de imposición unilateral do PP. Un marco de negociación que, defendeu o secretario nacional da CIG-Ensino, debe ser respectuoso co marco competencial, tanto desde a perspectiva territorial como sindical, e non atentar contra as competencias e capacidades de negociación, como en moitas ocasións se pretendeu nestes últimos anos, tanto por parte do goberno como das organizacións sindicais estatais.

A relixión, fóra das aulas

Firme partidaria da laicidade, a CIG-Ensino cualificou como insuficiente a posición do Ministerio de volver á situación previa á LOMCE, retirando o valor académico da relixión. Aínda entendendo como positiva a medida, logo da involución provocada polo PP, a CIG aposta por un ensino laico no que a relixión non teña presenza nos currículos académicos.

Avance de medidas do Ministerio

A intervención da ministra centrouse en avanzar aspectos que o seu ministerio define como prioritarios para os próximos meses. Así, avanzou que prevén partir da base da LOE para avanzar, pola vía dun Pacto educativo, unha nova lei educativa que, de existir apoio parlamentario suficiente, estaría preparada para a súa entrada en vigor no seguinte curso escolar.

Na reunión fíxose formalmente entrega do anteproxecto de lei para a reversión da situación anterior ao RDL 14/2012 que lle será presentado aos representantes das CCAA o próximo 30 de xullo.

A retirada dos itinerarios da ESO fixados pola LOMCE, a recuperación da papel dos consellos escolares como órganos de goberno e a elección das direccións así como reforzar o papel da FP son os outros temas indicados pola ministra.

Volver