CIG-Ensino recorre as convocatorias da ACSUG por deixar fóra o persoal interino e colaborador

Reclama que se poña fin á discriminación retributiva que sofre o persoal temporal das universidades

Nacional -

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galiza (ACSUG) vén de publicar no DOG dúas resolucións polas que se aproban as convocatorias ordinarias para a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas aos complementos autonómicos de recoñecemento de labor docente, investigador e de cargos de xestión. A ACSUG limita as convocatorias ao persoal funcionario e contratado doutor, deixando fóra todo o persoal interino e colaborador, incorrendo nunha nova discriminación entre o persoal fixo e o temporal, vetada polas directivas da Unión Europea e a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da UE.

“A situación é máis grave aínda se temos en conta que nos últimos meses se ditaron tres sentenzas, unha delas gañada polos servizos xurídicos da CIG, que indican claramente que o persoal temporal non pode ser excluído destas convocatorias”, explican dende a Federación de Ensino. Unha das sentenzas afecta a un docente da USC e outra a docentes interinas da UVigo.

Unha terceira é do Xulgado Central do Contencioso Administrativo e garda relación coa convocatoria para a avaliación investigadora pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora  (CNEAI). O propio MECD, unha vez coñecida a sentenza, publicou no BOE unha corrección de erros incluíndo o persoal interino.

Precariedade laboral

Con estes precedentes, a CIG-Ensino denuncia a falta de sensibilidade cara o persoal interino e colaborador da ACSUG e demanda que a Axencia se aveña ao recurso de reposición presentado polo sindicato e corrixa ambas convocatorias, incluíndo nelas a todo o persoal temporal. Do contrario, advirten, o sindicato presentará demanda no xulgado.

A precariedade na que vive un número moi importante do persoal docente e investigador nas universidades galegas, denunciado reiteradamente pola CIG-Ensino, "debe reverter canto antes e debe poñerse fin á discriminación retributiva que sofre o persoal temporal. Esta seguirá a ser unha reivindicación fundamental do sindicato no ámbito universitario galego".

Volver