A CIG-Ensino recollerá as achegas do profesorado ao documento do Ministerio para sentar as bases dunha nova lei educativa

A federación sostén que o texto é un esquema básico "que claramente nos retrotrae á LOE"

Nacional -

Ante as pretensión do Goberno español de elaborar unha nova lei educativa, a CIG-Ensino recollerá achegas do profesorado ao documento remitido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional que servirá de base para o cambio normativo. Dende a Federación do Ensino sinalan que todos os puntos que se pretenden modificar coinciden coas principais denuncias que fixo a central sindical dende a entrada en vigor da Lei Wert, mais bota en falta maior contundencia nos cambios.

O documento, remitido polo Ministerio a diferentes entidades e organizacións sindicais, e difundido no día de onte, "é un esquema básico sobre os aspectos que o Goberno español pon enriba da mesa para o que sería o marco dun novo texto que claramente nos retrotrae á LOE".

Este esquema presenta varias propostas que formaron parte das demandas que a CIG-Ensino formulou contra a LOMCE e que estiveron no centro da reivindicacións na mobilización permanente que mantivo a CIG tanto como central sindical como no marco da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Non obstante, a Federación bota en falta que outras demandas non aparezan na proposta ministerial ou o fagan dun xeito "claramente insuficiente".

Todo o que non sexa tirar abaixo a columna vertebral desa regresión imposta por Wert sería unha fraude"

Nestes pasados meses, a CIG-Ensino criticou a demora en abrir estes debates e especialmente o feito de que, ante o cambio de goberno, non se optara pola derrogación inmediata da LOMCE. O Ministerio alega problemas de carácter técnico-xurídico para non facelo, mais "cremos que se existe unha intención real e clara de arrombar para a historia a peor contrarreforma educativa encarnada na LOMCE, debe procederse de inmediato". Así, lembran que non houbo reparos en someternos aos ditados dos mercados na reforma constitucional acelerada de 2011.

Responsabilidade do Goberno e das forzas que o apoian

A CIG-Ensino reitera a demanda que xa lle trasladou en xullo deste ano á ministra Celáa para que exista un novo marco lexislativo con carácter de mínimos que abandone a senda da recentralización que con tanta insidia e virulencia aplicou o Partido Popular coa LOMCE. Un marco legal que non afogue as competencias en materia educativa que un Goberno galego debe ter e aplicar se ten un mínimo de dignidade e respecto polo autogoberno, e que permitan un deseño dunha Lei Galega de Educación que dea resposta á realidade do noso país.

Tal e como a central sinalou no seu momento, a responsabilidade non é exclusiva do Goberno español, senón que se fai extensiva a todas as forzas políticas con representación no Congreso dos Deputados e Deputadas e que no seu día se comprometeron a derrubar a LOMCE. "Todo o que non sexa tirar abaixo a columna vertebral desa regresión imposta por Wert sería unha fraude", aseveran.

Avances, mais lonxe das expectativas creadas

O esquema do MEFP presenta algunhas consideración que desde a CIG-Ensino valoran positivamente, mais que precisan dunha maior concreción. Así, é positiva a liquidación das reválidas, o principal logro da loita social contra a LOMCE e que tivo no noso país a maior resposta de todo o Estado no boicot a estas probas externas, superando o 80% de seguimento nos centros públicos galegos.

A supresión da regulación do uso das linguas propias como o galego é un paso adiante no cese da invasión de competencias que implica a LOMCE e que tan obedientemente aceptou Feijóo"

Tamén concorda a CIG-Ensino inicialmente con certas valoracións que se inclúen no documento, como o remate da segregación do alumnado na ESO, a reformulación dos PMAR e da FP Básica, a desaparición desa xerarquización entre materias de primeira e de segunda que fixaba a LOMCE (troncais, específicas, etc..), a supresión desa sobrecarga burocrática de control curricular e académico que marcan os estándares de aprendizaxe ou a introdución de parámetros de privatización na rede educativa pública coa especialización curricular ou o ranking dos centros.

A supresión da regulación do uso das linguas propias como o galego, no que foi cabalo de batalla daquel Wert que alardeaba de facer unha lei para españolizar Cataluña, é tamén un paso adiante no cese da invasión de competencias que implica a actual LOMCE e que tan obedientemente aceptou desde o principio o goberno Feijóo. Mais haberá que agardar pola concreción da proposta ministerial para comprobar se camiña cara ao respecto do carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüístico do Estado ou non.

Principais eivas do documento do MEFP

Non obstante, a proposta ministerial queda claramente moi lonxe dalgúns dos obxectivos que a CIG-Ensino defende. Salientan nunha análise inicial algúns deles, á espera dun debate máis demorado, "para o que pediremos directamente a participación de todo o profesorado galego".

Chama a atención que non se conteña ningunha reflexión nin proposta que faga referencia aos dereitos do profesorado, principal vítima da contrarreforma da LOMCE e protagonista fundamental de calquera cambio que se queira aplicar no sistema educativo.

O retorno ao papel que a materia de Relixión tiña antes da LOMCE non abonda para colmar as expectativas dun ensino verdadeiramente laico no que a relixión non debe ter cabida no currículo escolar.

Chama a atención que non se conteña ningunha reflexión nin proposta sobre os dereitos do profesorado"

A referencia a “reequilibrar” as competencias do Consello Escolar e das direccións dos centros son claramente insuficientes e non abordan o verdadeiro problema da xestión democrática dos centros educativos.

A consideración indirecta que se fai sobre os centros que segregan o alumnado polo seu sexo non implica necesariamente ningún cambio sobre a situación actual e non impediría que se manteña o financiamento que actualmente teñen. Neste sentido, a CIG-Ensino lembra que existe base xurídica para eliminar os concertos educativos cos centros do Opus, após gañarmos unha sentenza no Tribunal Supremo que os declaraba ilegais, antes de que se aprobara a LOMCE.

Volver