CIG-Ensino reclama incorporar 256 vacantes de PT e AL no Concurso de Traslados de Mestres

Estas prazas poden ser cubertas por profesorado definitivo

Nacional -

Un estudo da CIG-Ensino revela a existencia de centos de prazas das especialidades Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) que se veñen dotando desde hai anos con profesorado provisional e que poden ser cubertas por profesorado definitivo. Incorporar estas 256 prazas, a maiores das ofertadas no Concurso Xeral de Traslados, para as especialidades que prestan servizos co alumnado que ten Necesidades Especificas de Atención Educativa (NEAE), permitiría estabilizar os cadros de persoal e mellorar a atención educativa e a atención á diversidade.

Na pasada Mesa Sectorial na que se negociou a Orde do Concurso Xeral de Traslados a CIG-Ensino conseguiu arrincarlle á Consellaría o compromiso de convocar unha nova mesa para negociar as vacantes que se van ofertar este ano. Após a publicación das vacantes provisionais o sindicato elaborou unha listaxe na que se inclúen as necesidades de profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, encargado da atención a todo o alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo, tras a pertinente consulta aos centros e ás e aos docentes do corpo de Primaria implicados.

Incorporar as vacantes redundaría nunha mellor atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo"

O 30 de novembro de 2017 a CIG-Ensino remitiulle á Subdirección Xeral de Centros e Recursos Humanos esta listaxe coa reclamación dun total de 256 prazas, das que 110 son de PT en centros de Infantil e de Primaria, 127 son de AL neste mesmo tipo de centros e 19 son de PT en IES. "Entendemos que todas e cada unha delas cumpren os requisitos para seren incorporadas na oferta de prazas a adxudicar no presente Concurso Xeral de Traslados", sinalan.

Mellor atención

A súa incorporación redundaría nunha mellor atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), ao tempo que suporía que todo o profesorado de PT (109) e AL (148) en expectativa de destino ou en prácticas poida obter destinos definitivos. Deste xeito acadaríase unha demanda que desde a CIG-Ensino entenden como moi positiva tanto desde a perspectiva laboral como educativa: a consolidación de cadros de persoal fixos, reducindo ao máximo a provisionalidade e rematando con diferenzas no tempo de provisionalidade entre as diferentes especialidades do corpo de mestres.

Neste sentido, cómpre ter en conta que na adxudicación de destinos provisionais (CADP) do actual curso houbo 710 prazas de PT e AL en centros de EI, EP e EE así como 90 de PT e AL en IES. As vacantes que a CIG-Ensino reclama que sexan incorporadas neste CXT supoñen, por tanto, só o 32% do total das vacantes cubertas con destino provisional e responden a diferentes criterios e realidades contrastadas cos propios centros educativos e co profesorado afectado.

"Hai que ter en conta que non incluímos nesta demanda aquelas prazas que terían carácter itinerante xa que non puideron ser pedidas con ese perfil no prazo de solicitudes do CXT, así como tampouco as vacantes de AL en IES que se manteñen desde hai anos por idéntico motivo", sinalan.

Moitas destas prazas implicarían, un incremento do Catálogo de Postos de Traballo, mais non suporían un incremento do número total de profesorado, "un tema de momento considerado tabú polo goberno do PP e que contou co aval de determinadas organizacións sindicais de ámbito estatal no mal chamado Acordo de estabilidade do pasado ano".

Volver