A CIG-Ensino forza a negociación de medidas reais no Plan de Igualdade e logra avances no Protocolo de Acoso

A Consellaría comprométese a incorporar medidas correctoras ao Plan e a pechar en xullo o Protocolo para que entre en vigor o vindeiro curso
Nacional - 06 Xul 2026

Entre as novidades, o sindicato conseguiu que o Protocolo incorpore expresamente os conflitos entre o profesorado e o alumnado dentro do seu ámbito de aplicación, regulando a tramitación destes casos en coordinación coa dirección do centro, a Inspección educativa e, cando proceda, co Ministerio Fiscal ou cos procedementos previstos na normativa de convivencia escolar. No caso de tratarse de denuncias contra familiares de alumnado, aínda que non se lles pode aplicar o réxime sancionador da Administración, tamén serán investigadas polo Comité de Intervención, un órgano no que haberá representación sindical. 

A CIG participou o venres nunha nova reunión de negociación do I Plan de Igualdade e do Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso do persoal docente, na que a Administración asumiu parte das reclamacións formuladas polo sindicato

A CIG-Ensino participou o venres nunha nova reunión de negociación do I Plan de Igualdade e do Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso do persoal docente, na que a Administración asumiu parte das reclamacións formuladas polo sindicato e adquiriu o compromiso de continuar a negociación das medidas do Plan de Igualdade e de pechar o Protocolo fronte ao acoso durante este mes de xullo para que poida entrar en funcionamento no vindeiro curso escolar.

No que respecta ao Protocolo de Acoso, nesta reunión incorporáronse varios dos compromisos adquiridos pola Administración na reunión do pasado mes de abril e que aínda non figuraban recollidos no segundo borrador. Entre eles, elimínase da definición de acoso sexual a referencia a que a conduta deba ser "non consentida", suprímese da definición de acoso moral a esixencia de que sexa un comportamento "reiterado e prolongado", incorpóranse as avaliacións periódicas de riscos psicosociais como medida preventiva e establécese que a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos deberá informar ao Comité de Intervención, no que participa a representación sindical, sobre o seguimento da aplicación das resolucións e das medidas preventivas e correctoras acordadas nos procedementos instruídos.

Como novidades da reunión de hoxe, a CIG-Ensino conseguiu que o protocolo incorpore expresamente os conflitos entre o profesorado e o alumnado dentro do seu ámbito de aplicación, regulando a tramitación destes casos en coordinación coa dirección do centro, a Inspección educativa e, cando proceda, co Ministerio Fiscal ou cos procedementos previstos na normativa de convivencia escolar.

Outro dos avances acadados afecta ás situacións nas que a persoa denunciada é un familiar do alumnado. Aínda que estas persoas non poden quedar sometidas ao réxime disciplinario da Administración, a CIG-Ensino conseguiu que as denuncias presentadas polo profesorado sexan investigadas polo Comité de Intervención, garantindo así unha investigación dos feitos.

Un Plan de Igualdade que remate coas desigualdades

No relativo ao I Plan de Igualdade, a Administración recoñeceu que o primeiro borrador de medidas presentado constituía unha proposta de mínimos. A CIG-Ensino lembrou que un Plan de Igualdade, tal e como establece a normativa, debe ser un conxunto ordenado de medidas avaliables dirixidas a eliminar as desigualdades detectadas e non limitarse á mellora de futuras diagnoses, campañas de sensibilización ou sistematización na recollida de datos. 

A central continuará defendendo que ambos documentos se convertan en ferramentas útiles para mellorar as condicións laborais do profesorado

O sindicato recordou que presentou unha batería de máis de cen medidas para actuar sobre as desigualdades en ámbitos como a promoción profesional, a conciliación, a segregación por especialidades, as condicións de traballo, a saúde laboral ou a igualdade retributiva. Desigualdades que a diagnose, na que se leva dous anos traballando, si identifica pero que polo de agora, as medidas da Administración non pretenden sequera paliar.

A maior parte das actuacións incluídas pola Administración coinciden con propostas da CIG-Ensino, pero responden fundamentalmente a actuacións destinadas a mellorar a información dispoñible para futuros plans.

Neste sentido, a CIG-Ensino advertiu de que, sen medidas correctoras concretas, "o único que imos conseguir é cuantificar mellor unha situación peor", ao dispor dunha diagnose cada vez máis precisa sen actuar sobre as causas das desigualdades detectadas.

Como resultado da reunión, a Administración comprometeuse a abrir a negociación das medidas correctoras que deberá incorporar o Plan de Igualdade e a finalizar durante este mes de xullo a negociación do Protocolo de Acoso, co obxectivo de que este poida entrar en vigor ao comezo do vindeiro curso.

A CIG-Ensino continuará defendendo que ambos documentos se convertan en ferramentas útiles para mellorar as condicións laborais do profesorado e garantir unha protección efectiva fronte ás situacións de acoso e discriminación, e non queden reducidos a unha mera declaración de intencións.