A CIG-Ensino esíxelle a Educación que non peche a escola de Educación Infantil da Moreira, en Gondomar

Denuncia que a Consellaría non ten en conta as necesidades reais do alumnado e que aplica criterios economicistas

Vigo -

A CIG-Ensino vén de presentar un escrito na Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra esixindo que se manteña aberta a escola de Educación Infantil (EEI) da Moreira, na parroquia de Mañufe, en Gondomar. A federación considera que non hai argumentos para proceder ao peche da escola e privar a localidade deste servizo público, ao tempo que acusa a Consellería de non ter en conta as necesidades reais do alumnado e de aplicar criterios economicistas.

Dende a central explican que tiveron coñecemento de que a Consellaría de Educación decidiu pechar a EEI da Moreira en Gondomar a través dos medios de comunicación. Segundo esas mesmas informacións, o departamento autonómico xustifica o peche no feito de que soamente quedan cinco alumnos/as na escola, os que durante o curso que vén terían catro e cinco anos.

A CIG-Ensino ten coñecemento tamén de que para o vindeiro curso, 2016-17, se matricularían, polo menos, dous nenos/as de tres anos, unha previsión que mesmo é maior no curso seguinte 2017-18, polo que o alumnado que tería a escola no curso 2016-17 sería sete alumnos/as, “un número suficiente para garantir o mantemento da escola”.

Deste xeito, rexeitan que a Xefatura Territorial decida unilateralmente o peche desta escola e non poña en coñecemento dos representantes dos traballadores/as a decisión, “actuando sempre cunha política de feitos consumados que neste caso tería como consecuencia a perda dunha unidade de Educación Infantil no ensino público, co que iso significa de perda de postos escolares da rede pública, destrución de postos de traballo do profesorado e perda dun servizo fundamental para Mañufe”.

Ao mesmo tempo, denuncian que a Xefatura Territorial fai un uso interesado e parcial dos datos de matrícula do centro, “e non ten en conta as matrículas futuras, un elemento a considerar antes de procederen ao peche dunha unidade da rede pública”.

Así, critican que as directrices da Consellaría de Educación non teñan en conta as necesidades reais e que se baseen criterios economicistas. “Cada curso escolar denunciamos o peche de unidades e escolas, mentres se manteñen e incrementan os fondos públicos destinados aos centros privados; ste curso (2015-16), sen ir máis lonxe, comezou con 81 unidades escolares menos”.

Por todo isto, esíxenlle á Xefatura Territorial que manteña operativa a escola da Moreira e que se abra a matrícula nela para o alumnado de tres anos.

Volver