A CIG-Ensino denuncia que “un ano máis, o profesorado perde poder adquisitivo”

O acordo dos sindicatos estatais co PP coloca o profesorado en negativo respecto do IPC

Nacional -

Logo de publicarse a Lei de Orzamentos do Estado para o 2018, na que se fixa un incremento salarial para o persoal do sector público do 1,5%, de xaneiro a xuño de 2018 e cando xa se coñece o dato do IPC interanual acumulado ata o 30 de xuño, que se sitúa no 2,3%, constátase o que a CIG-Ensino xa prevía cando rexeitou, na Mesa Xeral de Negociación do Estado, o Acordo asinado polos sindicatos estatais: que era un pésimo precedente desvincular os salarios do IPC.

A CIG-Ensino considera que os escasos tres meses transcorridos desde aquela danlle a razón porque “á perda de poder adquisitivo acumulada dende o ano 2010, vén sumarse agora unha nova desviación derivada deste Acordo, que xa supón unha perda do 0.8% en 6 meses, co que a perda de poder adquisitivo no período 2010 – 2018 chega xa ao 14%”.

No que queda de ano, un 0,25% máis

Na segunda metade do ano haberá un pequeno “aguinaldo” do 0,25% o que suporá que até setembro a suba chegue ao 1,75% (o que implica que a suba anual fique no 1,62%) cando todas as previsións do IPC a finais de ano superan o 2%. Por tanto, todo indica que a perda de poder adquisitivo se consolidará en decembro se antes non se rompe o Acordo estatal.

A CIG demanda do novo goberno estatal a superación do Acordo e unha cláusula de  garantía salarial

A CIG vai demandar da nova ministra de Facenda un plan de recuperación do poder adquisitivo perdido que supoña na práctica a superación do mal acordo asinado por CCOO, UGT e CSIF con Montoro. “Que no primeiro ano de aplicación do acordo nos atopemos xa cunha perda tan elevada de perda da nosa capacidade para facer fronte á carestía da vida é un síntoma claro do mal que se fixeron as cousas”, afirma.

O primeiro, para a CIG, debe ser blindar calquera posíbel acordo cunha cláusula de revisión salarial que impida que os soldos estean por baixo do IPC.  Isto implicaría, botar por terra o principal logro do goberno do PP que alegremente subscribiron os sindicatos estatais: a vinculación das subas salariais ao Produto Interior Bruto (PIB).

En segundo lugar, para a CIG é fundamental revisar o acordo asinado e conseguir unha auténtica recuperación salarial despois de 9 anos de sangría retributiva para o profesorado e o conxunto dos e das traballadoras do sector público.

En terceiro lugar, a CIG manterá o seu rexeitamento ao tope do 0,3% que o Estado lle “permite” ás diferentes administracións para
 mellorar o raquítico acordo estatal. Esa limitación debe eliminarse e a Xunta debe asumir unha negociación que nos leve á recuperación dos recortes que a propia Xunta converteu nos maiores do Estado (pagas extras 2013-2016) e que, no caso do profesorado, permita afrontar unha negociación real, lonxe da fraude que supuxo a oferta da Consellaría a finais do curso 2017/18. 

Pagas extras, aínda incompletas

A responsabilidade de que as pagas extras se manteñan aínda incompletas é exclusiva do Estado, que mantén recortado o salario base e os trienios. Desde a CIG tamén se demandará da nova ministra de Facenda a recuperación deste dereito e a pago íntegro das pagas extras.

Volver