A CIG-Ensino denuncia que Educación autorizou a ampliación fraudulenta dun concerto educativo coa Casa do Neno

Demanda da Consellaría que depure responsabilidades, xa que do contrario recorrerá ao contencioso

Compostela -

Desde hai varias semanas, o centro Casa do Neno, en Santiago de Compostela, anuncia na súa páxina web o inicio de actividades como colexio concertado de educación primaria no curso 2016-2017. A CIG-Ensino denuncia que a autorización deste concerto foi consecuencia dunha actuación “fraudulenta” da Consellaría de Educación. Por iso demanda que se depuren as responsabilidades derivadas e anuncia que, de non se facer, recorrerá á vía do contencioso.

Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino explicou que mediante unha Orde publicada o pasado 5 de abril modificouse a autorización do centro privado Casa do Neno, do cal é titular a Fundación Pía Autónoma Casa do Neno, concedéndolle seis unidades de educación primaria e seis unidades do segundo ciclo de educación infantil.

“Nesa resolución administrativa de autorización figura como único enderezo do centro o da rúa Canteira de Arriba, 17, en Santiago de Compostela. Non se fai ningunha referencia a que as novas ensinanzas autorizadas poidan impartirse nunha localización diferente”, matizou. Porén explicou que, desde hai varias semanas, o centro Casa do Neno anuncia que as aulas se impartirán nunhas novas instalacións situadas nunha parte do edificio del Seminario Menor de Belvís, que depende do arcebispado.

O secretario nacional da CIG-Ensino considera incomprensíbel que se aprobara definitivamente a proposta de incremento dunha unidade en educación primaria das dúas que solicitaba o centro, mediante Resolución do 15 de abril, cando o propio Director de Recursos Humanos admitira que “as necesidades educativas da zona, actualmente, se atopan debidamente cubertas”.

Neste sentido, Louzao salientou ademais que o centro Casa do Neno se encontra adscrito aos centros CEIP As Fontiñas, CEIP Mestre Rodríguez Xixirei e CEIP Apóstolo Santiago, tal como consta na resolución conxunta do inspector de educación e o inspector xefe do Servizo Territorial de Inspección Educativa do 28 de novembro de 2015.

Centros públicos de educación primaria que, segundo explicou, teñen sobrada capacidade para cubrir a demanda existente de alumnado, tal como se constata na acta da Comisión de Escolarización de Santiago de Compostela do 16 de maio de 2016.

Por iso concluíu que non existe “nin necesidade obxectiva, nin causa legal” para destinar fondos públicos ao incremento das unidades concertadas co centro privado Casa do Neno.

A isto engadiu que “non consta a día de hoxe que o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, órgano administrativo competente, teña aprobado o incremento das unidades concertadas do centro Casa do Neno, nos termos solicitados ou nos propostos na Resolución do 15 de abril de 2016”.

Inclusión do centro na relación de concertados

O secretario nacional da CIG-Ensino denunciou que malia non estar concedido o incremento do concerto, a Consellaría de Educación incluíu o primeiro curso de Educación Primaria do centro Casa do Neno dentro da relación de centros concertados que presentou na reunión da Comisión de Escolarización de Santiago de Compostela do 16 de maio e, “presumibelmente, colaborou de forma activa no procedemento previo de solicitudes de admisión dese centro”, tal e como se constatou nesa xuntanza  da comisión de escolarización, “ao terlle asignado 25 prazas de 1º de primaria e ter admitido 8 alumnos/as no prazo de solicitude de admisión de alumnado”.

Para Louzao resulta aínda máis rechamante que mesmo se publicara a oferta de prazas nunha información na prensa compostelá, cun claro contido publicitario, na que citando fontes da dirección do centro, afírmase literalmente que “aínda que ten autorización para montar seis unidades, a Xunta só lle concedeu o concerto do primeiro curos”, que “a matrícula será por rigorosa orde de chegada” e que para formalizala “hai que dirixirse á sede principal da Casa do Neno ou ao edificio Mupega, ambos os dous no barrio de San Lázaro”.

Unha información a raíz da que o secretario nacional da CIG-Ensino conclúe que xa que no edificio Mupega ten as súas instalacións o Servizo Territorial de Inspección Educativa, logo, presumibelmente, este “está a colaborar no procedemento de matrícula co centro, a pesar de non ter o incremento do concerto concedido”.

Para Anxo Louzao toda esta relación de sucesos apuntan cara unha actuación “fraudulenta” da consellaría e demostrarían a súa submisión aos intereses e demandas da igrexa católica.

Por isoa  CIG-Ensino rexistrou esta mañá un escrito dirixido ao conselleiro no que se lle demanda que se comprobe a veracidade destes feitos a fin de depurar posíbeis responsabilidades administrativas e/ou penais e que se denegue ao centro privado o incremento do concerto educativo solicitado, por estaren as necesidades educativas da zona debidamente cubertas.

Ademais anunciou que, de non facelo, “iremos ao contencioso” e que se solicitará ao concello de Santiago a reunión do Consello Escolar Municipal para que este organismo rexeite tamén a actuación da consellaría por destinar cartos a financiar máis centros privados que se lle negan ao ensino público.

Volver