A CIG-Ensino denuncia dous novos despedimentos no San Xerome Emiliani da Guarda

Na central entenden que a Xerencia pon en risco a continuidade do Centro Especial de Emprego
Vigo - 04 Abr 2017

A CIG-Ensino denuncia que onte, 3 de abril, despois de varios días de presión psicolóxica sobre os traballadores buscando que marchasen pola súa conta, o xerente do Centro San Xerome Emiliani da Guarda entregoulle a carta de despedimento a dous empregados/as do Centro Especial de Emprego: un encargado de taller e un traballador que fai funcións de oficial especialista e que é delegado sindical da central.

Con estes novos despedimentos, o xerente do San Xerome deixa a seis traballadoras/es con necesidades de apoio sen o persoal que os dirixe e asesora, traballadores/as polos que o San Xerome percibe unha bonificación da Xunta de Galiza. Ademais, os dous traballadores despedidos estaban subrogados do Concello da Guarda, pois viñan realizando os traballos de xardiñeiría no Concello a través das empresas que realizaban o servizo, a última o Centro San Xerome.

A Xerencia e a Dirección do centro alegan causas económicas, mais a realidade é que o Concello da Guarda está a pagar puntualmente todas as facturas do San Xerome.

Para a CIG-Ensino, detrás desta decisión agóchase o interese do xerente por desmantelar o Centro especial de Emprego, pois dende 2015 insiste en dicirlle aos traballadores/as que ten que pechalo. Por outro lado, os labores de desbroce dos camiños de Camposancos, que até o ano pasado realizaban os xardiñeiros, mandan que os fagan agora usuarios da Asociación, persoas que non están contratadas, ingresando o diñeiro na Asociación, que ten un superavit significativo e non precisa dos ingresos da Entidade Local Menor de Camposancos.

A CIG-Ensino levará adiante as accións oportunas e loitará para que os traballadores despedidos sigan sendo xardiñeiros do Concello, “para o que agardamos que o Goberno municipal da Guarda se implique na defensa destes traballadores que sempre cumpriron co seu cometido, empresa tras empresa”.