A CIG-Ensino demanda aos grupos parlamentares no Congreso a paralización e posterior derrogación da LOMCE

Lembra que foi a lei que máis vontades sumou contra a súa aplicación e contido
Compostela - 14 Xan 2016
A CIG-Ensino presentou esta mañá no rexistro do Parlamento galego un escrito dirixido aos distintos grupos no Congreso dos Deputados/as en demanda de que presenten a iniciativa lexislativa que sexa pertinente para que se paralice, primeiro, a aplicación da LOMCE e posteriormente sexa derrogada. “A CIG ten o compromiso de combater esta lei desde que se coñeceu o seu enunciado até hoxe e esta é unha medida máis porque estamos empeñados en paralizala”, subliñou o secretario nacional, Anxo Louzao.

Louzao lembrou que a LOMCE foi a lei que máis vontades, en contra da súa aplicación e contido, sumou e que foron numerosas as folgas e mobilizacións que se levaron a cabo na súa contra. Por iso considerou que “é necesario e urxente o seu aprazamento e posterior derrogación, na medida en que é o seu desenvolvemento, non só se evidenciou o nociva e negativa que é para o sistema educativo, para a igualdade de oportunidades e a gratuidade da educación, senón tamén porque foi un cúmulo de despropósitos”.

Denunciou a “absoluta” improvisación na súa posta en marcha e subliñou as graves consecuencias que está a ter para o sistema educativo público, nomeadamente o galego. “É unha lei centralizadora que non parte dunha concepción plurinacional do estado español, que avanza na españolización, na privatización e que afonda na confesionalidade do ensino”, explicou.

A este respecto fixo especial fincapé no seu carácter “antigalega”, non xa porque avanza na desgaleguización do pouco que había até o de agora, senón tamén porque “mesmo permite ser insubmisos a aprendizaxe no noso idioma”.

O secretario nacional da CIG-Ensino apuntou que, xunto a estes hai “inmensos motivos” para a súa derrogación  e demandou que a súa paralización sexa o punto de partida para que se inicie un debate amplo a respecto de cales son as necesidades e carencias do sistema educativo, fundamentalmente o galego.

Louzao lembrou que a CIG-Ensino ten, como organización sindical maioritaria, a responsabilidade de facer esta demanda, que é continuación da loita matida nestes anos contra a LOMCE e que mesmo xa presentara unha ILP que contou co apoio de máis de 23.000 sinaturas. “Aí xa insistimos na necesidade de derrogar a LOMCE; de termos unha lei para o sistema educativo galego que o inserira na nosa realidade nacional; de que, dunha vez por todas, se recuperan os dereitos laborais e salariais do profesorado e de que se valorice a función docente, xa que o papel do profesorado é fundamental na sociedade na que vivimos”.