A CIG-Ensino demanda a retirada dos novos temarios de oposicións

O MECD dá por pechada a negociación do sistema de acceso e ingreso na función docente

Nacional -

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (MECD) negouse, esta mañá, na Mesa Sectorial do Estado, a reabrir a negociación do sistema de acceso e ingreso na función docente. Deste xeito, a modificación do Real Decreto de Acceso publicarase previsibelmente en febreiro e os novos temarios non entrarían en vigor antes de 2020.

A CIG-Ensino considera que con esta negativa péchase en falso o debate e denuncia que se dá por rematada a negociación aínda sen contar co acordo sindical. A este respecto, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, matiza que o MECD nin sequera conta co apoio “daquelas organizacións que lle brindaron un cheque en branco ao goberno do PP cun acordo que respecta os recortes desde 2010 e só levanta o veto á eliminación da taxa de reposición nas OPE até 2019, aceptando que con posterioridade só se poidan ofertar as prazas por xubilacións do ano anterior”.

Taxa de reposición

Por iso, a intervención da CIG-Ensino na Mesa volveu centrarse na crítica ao Ministerio e ás organizacións sindicais asinantes (CC.OO., CSIF, UGT), demandando que se anule este acordo e que, tal e como aprobou o Consello Escolar do Estado a instancias da CIG-Ensino, se elimine de maneira permanente a taxa de reposición, permitindo que a Xunta, así como o resto das administracións con competencias educativas, poidan decidir sobre as súas ofertas de emprego sen os límites impostos unilateralmente polo Estado.

Solicitude de retirada dos temarios

O único tema que se abordou nesta mesa sectorial foi, xa que logo, o dos novos temarios propostos polo MECD, que confirmou que entrarán en vigor en 2020.

A CIG-Ensino, recoñecendo que nalgunhas especialidades están obsoletos, criticou que “desde o ano 2012, no que o goberno de Rajoy anulou os temarios publicados no ano 2011, tivo tempo dabondo para dar un paso que agora resulta totalmente inoportuno”.

Implican unha adaptación á LOMCE, mentres se negocia un suposto pacto educativo

 Ademais, o secretario nacional da CIG-Ensino solicitou a retirada dos textos porque entende que “durante as convocatorias nas que se levanta o veto á taxa de reposición (OPE 2017 a 2019, con convocatorias que poderían chegar ao 2021) deben manterse os mesmos temarios”.

Xunto a isto, o propio MECD confirmou que eses novos temarios implican unha adaptación á LOMCE. Por iso Bermello denuncia que “é unha falta de respecto e, ao tempo, unha evidencia da estratexia do PP que, mentres negocia no Congreso un suposto Pacto Educativo para reformar a LOMCE, aplica uns temarios que parten dela”.

Morrer antes de entrar en vigor

Suso Bermello advirte tamén de que os temarios “poderían morrer antes de entrar en vigor”, tal e como recoñeceu o MECD. “Entre os temas a debate sobre o futuro marco lexislativo da educación, estaría unha reforma en profundidade do sistema de ingreso na función pública, polo que non ten sentido manobrar agora cuns temarios que só crean incerteza e confusión entre as persoas que opositen nos próximos anos”, sinala Bermello.

Non teñen en conta a realidade cultural, lingüística, política e social das diversas nacións do Estado

 Os temarios parten dunha visión unitaria do Estado e non teñen en conta a realidade cultural, lingüística, política e social das diversas nacións e comunidades do Estado. Mesmo desde unha perspectiva do estrito cumprimento do marco autonómico actual, os temarios esquecen que hai unha parte do currículo que fixan as CC.AA. e que o lóxico e normal sería que esa realidade estivese presente nas normas que regulen o acceso á docencia. “Por iso demandamos que, así como existe un reparto competencial á hora de fixar os currículos, os temarios tamén poidan ser adaptados á realidade de cada comunidade autónoma”.

Para o secretario nacional da CIG-Ensino, só poderían entenderse modificacións puntuais, sen variar a estrutura e o número de temas dos temarios, para corrixir e actualizar contidos que están absolutamente desactualizados. Porén, entende que para iso non son precisos uns novos temarios senón “unha mera corrección mínima e puntual dalgún deles, especialmente nalgunhas especialidades nas que mesmo os avances tecnolóxicos desde a década dos 90 aconsellarían que xa se tivesen feito hai tempo esas correccións”.

Temarios descompensados nalgunhas especialidades

A CIG-Ensino considera que existen, en determinadas especialidades, algúns desfases no reparto dos temas en relación ás materias, módulos, cursos ou ciclos que imparte o persoal docente de determinadas especialidades de FP e de Secundaria. “Constatamos unha desproporción relacionada co peso de diferentes actividades industriais (Patronaxe e Confección), falta de adaptación a novos ciclos relacionados coas especialidades (Intervención Sociocomunitaria), reparto desigual de ámbitos científicos (Bioloxía e Xeoloxía) ou relegación de contidos ao respecto dos actuais temarios (os xogos e deportes tradicionais en Educación Física de Secundaria)”, explica Suso Bermello.

Mención á parte merece o feito de que non se aproveite un marco de actualización de temarios para pór ao día certas lagoas nos vixentes ou engadir novos contidos dentro dos temas propostos.

Así acontece, por exemplo, no caso de Xeografía e Historia, onde se botan de menos, na nova presentación en epígrafes dos temarios, referencias concretas ao nacemento dos rexionalismos e nacionalismos, o movemento dos non aliñados, as novas experiencias políticas en América Latina ou a crise de 2008 como paradigma da globalización económica.

Unha visión unitaria que nega a diversidade e as competencias das CC.AA.  

O secretario nacional da CIG-Ensino denuncia tamén a visión centralista do MECD, que se evidencia en aspectos relacionados coas linguas e que “supoñen un retroceso mesmo ao respecto dos temarios actuais”. A modo de exemplo explica que en especialidades lingüísticas como Inglés, Francés, Alemán ou Italiano aparece nos textos en vigor a “comparación co sistema fonolóxico da lingua ou linguas oficiais da correspondente Comunidade Autonóma”. Porén, na nova proposta do MECD só se menciona a comparación “co español” e os “sons que poden presentar dificultades para os hispanofalantes”.

Bermello denuncia que tamén son constantes, en numerosas especialidades, as referencias á lexislación  española, ben sexa educativa, do medio ambiente, do consumo ou da protección das e dos menores, “sen que se acompañen da mínima mención, nin tan sequera xeral, ás normas legais propias do ámbito da Comunidade Autónoma, algo que, lembra, a CIG-Ensino reclamou na Mesa.

Volver