O texto da nova Lei de ensinanzas artísticas superiores, que veu a luz verde no Congreso a pasada semana, mellora algúns aspectos relacionados coas competencias das comunidades autónomas e cos requisitos de integración nos novos corpos docentes que a Lei crea. Con todo, queda moi lonxe das demandas que a CIG-Ensino defendeu na única reunión da Mesa Docente estatal e que o sindicato trasladou, na fase de presentación de emendas na comisión de educación do Congreso.
Preocupación polo futuro das Escolas de Artes e Superiores de Deseño
Un dos temas máis controvertidos do texto aprobado no Congreso, e que o Goberno se negou a pactar, é a decisión de que as administracións educativas “promoverán a progresiva especialización destes centros” entre as ensinanzas superiores e as profesionais”. Algo que para a CIG-Ensino, e dada a realidade dos catro centros galegos (EASD Pablo Picasso da Coruña, EASD Mestre Mateo de Compostela, EASD Ramón Falcón de Lugo e EASD Antonio Faílde de Ourense) non ten ningún sentido.
Fronte a isto, o sindicato propuxo que esta decisión quedase nas mans das comunidades autónomas, permitindo por tanto que se puidese manter a simultaneidade dos estudos se non existe outra alternativa viábel.
Neste sentido, advirte que se o texto final non ten ningún cambio tras a tramitación no Senado, instará á Consellaría de Educación a manter ambas ensinanzas, profesionais e superiores, mentres non existan garantías absolutas de que non se vai ver afectada a oferta actual. “Non estamos diante dunha cuestión sobre se é mellor ou peor que haxa separación en distintos centros ou simultaneidade, senón de manter unha oferta, tanto no total de ensinanzas como na súa distribución territorial”, subliña.
A nova estrutura de corpos docentes, unha nova mostra de falta de compromiso e implicación co profesorado por parte do Ministerio
Os problemas causados coa tramitación da Lei de FP e os cambios de corpos docentes derivados dela non serviron para que o Ministerio rectificase na súa decisión de impoñer procesos de integración pechados e limitados.
Se ben é certo que na tramitación parlamentaria melloraron algunhas cuestións, mantivéronse algunhas decisións que a CIG-Ensino considera negativas (a oposición a manter un proceso de integración con carácter indefinido no corpo de mestres de taller), preocupantes (as novas atribucións para as direccións propoñeren a contratación de profesorado especialista ou visitante e designar directamente profesorado emérito), e de futuro incerto (a esixencia da titulación de doutoramento para o corpo de cátedras de ensinanzas artísticas superiores polo reducido número de docentes que poderán cumprir un requisito que non ten precedentes nos corpos docentes).
Por último, e no que se refire a prazos, todo queda pendente dun posterior desenvolvemento da Lei, sen fixar data de entrada en vigor dos seus efectos máis importantes. Tras o paso polo Senado, está previsto que se aprobe definitivamente a Lei antes de rematar o mes de maio.
Con detalle, esta é valoración que a CIG-Ensino fai dos cambios introducidos na nova lei na que, sen deixar de recoñecer pequenos cambios en positivo, o sindicato amosa a súa crítica tanto nas formas (ausencia de negociación real no ámbito sindical, cunha única reunión negociadora) como no fondo.