A CIG-Ensino celebra as melloras conseguidas, por riba de convenio e que benefician a máis de 100 persoas traballadoras, no Plan de Igualdade da Asociación Down. Entre as medidas incorporadas está o incremento nunha semana do permiso retribuído por nacemento e coidado de menores; a posibilidade de gozar do chamado "permiso de lactación" até os 12 meses de vida da crianza desde o seu nacemento ou adopción; o incremento do permiso por defunción de familiares directos até os 7 días; facilidades para realizar formación en horario laboral; seguir promovendo a xornada continua e a transformación de contratos temporais en indefinidos, así como outros avances contra o acoso na contorna laboral.
Despois dunha negociación de meses e de 4 reunións nas que a CIG-Ensino levou sempre a iniciativa, conseguiuse chegar a un acordo coa empresa para aprobar o primeiro Plan de igualdade nas Asociacións Down Galiza, Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol, que terá impacto no persoal que traballa en 7 centros desta entidade.
Nel recóllense varias melloras con respecto ao convenio de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade, que é polo que se rexe esta empresa, na que, por certo, a CIG non ten representación sindical, o que fai aínda se cabe máis meritoria a aprobación deste plan que se estende a máis dun cento de traballadoras.
No acordo, ratificado entre xullo e setembro nas distintas asociacións, establécese a implantación das medidas recollidas no Plan que van desde o curto prazo, neste primeiro ano, até o compromiso de realizar unha nova negociación en 2026, coincidindo coa metade da súa aplicación, sobre propostas de mellora en materia de conciliación laboral e familiar.