A CIG-Ensino consegue anular un clamoroso caso de ‘enchufismo’ na Escola de Restauración de Pontevedra

O TSXG constata “a desviación de poder, a torcida intencionalidade, o ocultismo e a evidente mostra de nepotismo”

Pontevedra -

O TSXG vén de ditar unha sentenza na que confirma, unha por unha, todas as acusacións que a CIG-Ensino fixo nun caso de enchufismo coa creación “ad homine” e adxudicación dunha praza no concurso xeral de traslados do ano 2016 na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra.

A sentenza reproduce pormenorizadamente os feitos denunciados no seu momento polo sindicato e acusa de nepotismo á Consellaría de Educación. Estes feitos, como reproduce a sentenza, comezan xa no ano 2014 cando se pretende incorporar irregularmente a unha listaxe de interinos a unha persoa, naquel momento funcionaria de carreira en Asturias, que é cuñada de Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta, unha medida que se viu truncada logo da reclamación de diversas persoas prexudicadas.

A sentenza identifica perfectamente o modus operandi denunciado pola CIG-Ensino e que o propio tribunal cualifica de “torcida actuación” da Xunta para integrar a esa mesma persoa na función pública galega, creando unha praza dunha especialidade que non se imparte en Galiza e que non era necesaria no centro (Conservación e restauración de documento gráfico).

O alto tribunal constata, ademais, tal e como se denunciou desde o propio centro docente, que adxudicar esa praza supoñía trastornos no reparto das materias entre os diferentes departamentos.

Curiosamente, a defensa da Xunta chegou a presentar no xuízo un informe da Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial, na que vertían a seguinte afirmación: “a incorporación de docentes de especialidades distintas… podería reportar beneficios para unha mellor formación do alumnado a través do coñecemento de todas as especialidades”.

A sentenza critica duramente un feito que a CIG-Ensino vén denunciando reiteradamente: o ocultismo, a falta de transparencia da Consellaría de Educación, que negou información e respostas á CIG-Ensino mais tamén á Valedora do Pobo, a quen recorrera o sindicato con anterioridade por este mesmo caso.

Sentenza demoledora

A sentenza estima o recurso da CIG-Ensino e anula a adxudicación do destino á profesora enchufada. A sentenza só pode ser recorrida perante o Tribunal Supremo se se acredita interese de casación. Como consecuencia, a docente a quen se quixo enchufar nunha praza inexistente queda agora sen destino. A CIG-Ensino esixe a execución inmediata da sentenza e reitera á súa demanda de asumir unha política de total transparencia na xestión das prazas que se ofertan nos diferentes concursos.

Así, a CIG-Ensino agarda que a negociación comprometida na última Mesa Sectorial sobre as vacantes a ofertar neste concurso de traslados colme as demandas do sindicato de xogar con total transparencia na información sobre horarios e prazas e supoña unha oferta de todas as prazas necesarias, rematando cunha situación de longa permanencia en expectativa para moito profesorado, especialmente dos corpos de secundaria, e reforce a estabilidade dos cadros docentes.

Esa mesma transparencia debe estenderse, como reclama desde hai anos a CIG-Ensino, aos destinos provisionais, regulando as materias afíns e os perfís das prazas , ou nos diferentes concursos de méritos.

Por outro lado, a CIG-Ensino insta á nova conselleira a poñer fin á política de escurantismo e ocultación de información ao sindicato maioritario por parte da Secretaría Xeral que desde hai anos se nega a dar resposta a solicitudes concretas da CIG-Ensino en materia de persoal, pretendendo entorpecer o noso traballo de control da actuación da Administración educativa e de defensa do profesorado do ensino público galego.

A sentenza non deixa lugar a dúbidas: a Consellaría debe poñer fin á falta de transparencia e o enchufismo

“Estes indicios ou presuncións revisten no seu discorrer tal concatenación que, inevitabelmente, conducen a concluír que estamos ante un claro caso de desviación de poder, unha torcida actuación da Administración tendente a acadar unha finalidade contraria ao ordenamento xurídico….Non só non se actuou con transparencia senón que se fixo con manifesto ocultismo; impediuse o acceso á parte actora [CIG-Ensino] á información….Nin sequera a requirimentos do Valedor do Pobo”.

“Non se aportou razón algunha que xustifique a convocatoria, oferta e adxudicación da praza…cando tal especialidade non existe nesta Comunidade Autónoma, non resulta necesaria a súa impartición e a adxudicación supón a incorporación dunha nova profesora en detrimento da calidade da docencia e o funcionamento interno dos departamentos.”

“Tales circunstancias vense agravadas por outros feitos que resultan esclarecedores da torcida intencionalidade da referida conduta; así, cobra especial relevo a relación de parentesco entre a adxudicataria da praza e a Sra. López Abella, Directora (sic) Xeral de Igualdade da Consellaría de Presidencia….. Evidente mostra de nepotismo que, lonxe de perder arraigo na Administración Pública, parece reforzarse”

Volver