A CIG-Ensino chama o profesorado a reclamar masivamente a paga extra do ano 2013

Xa se presentaron, en tan só un mes, máis de 700 recursos individuais

Compostela -

A batalla xudicial contra a eliminación da paga extra do ano 2012 fixo posíbel que o persoal ao servizo da Xunta de Galiza vaia recuperar no ano 2016 a integridade da paga extra de 2012, despois de que numerosas sentenzas recoñecesen o dereito do persoal da Xunta a cobrar a parte proporcional daquela paga extra relativa ao mes de xuño e a 14 días de xullo de 2012. A presión electoral fixo o resto para que se cobre en prazos fixados pola proximidade das diferentes eleccións. 

Porén, é de todas sabido que Feijóo se negou á esixencia da CIG de que se recuperasen todas as contías retiradas das pagas extras. Uns recortes que se manterán tamén, un ano máis, nas extras de 2016, que permanecerán recortadas como nos últimos anos.

Nos últimos meses foron numerosas as sentenzas que ditaron determinados xulgados galegos a favor das demandas presentadas pola CIG para recuperar a parte proporcional da paga extra de verán do ano 2013. En concreto, os xulgados confirman que a retirada da parte proporcional dos meses de xaneiro e febreiro de 2013 do complemento específico foi ilegal e obrigan ao seu reintegro, impoñendo nalgúns casos as custas e os xuros correspondentes. 

A estratexia seguida pola CIG-Ensino, que xa fixera pública no seu momento, consistiu en reproducir o traballo feito coa paga extra do 2012. Inicialmente promovemos uns poucos recursos individuais en todos os xulgados do país. Unha vez que a xurisprudencia foi clara e favorábel ás nosas demandas, é o momento agora de estender estas reclamacións a todo o profesorado toda vez que a Xunta xa anunciou, en resposta á esixencia da CIG, que non vai pagar de oficio a todo o seu persoal público, 

En tan só un mes a asesoría xurídica da CIG-Ensino tramitou máis de 700 recursos individuais de persoal docente. Somos conscientes que cantas máis persoas reclamemos maior será a presión contra o goberno Feijóo para o obrigar a aceptar o pagamento xeral da paga extra do 2013. En calquera caso, se iso non se producise, temos claro que individualmente todas as persoas que reclamen cobrarán, cando menos, a parte proporcional dos meses de xaneiro e febreiro de 2013. Ninguén nos regalou nada. O que cobramos é froito do noso traballo. Desde a CIG-Ensino instamos o profesorado a quen non permita que quen nolo recortou ilegalmente se quede agora con ese diñeiro que nos pertence.

Estas demandas de persoal docente para recuperar a paga extra do anos 2013 únense ás numerosas que desde os demais ámbitos do persoal da Xunta (SERGAS, Administración Autonómica) se están promovendo desde a Asesoría Xurídica da CIG. 

Volver