A CIG-Ensino lanzou mañá, en rolda de prensa, unha convocatoria de mobilización contra ás políticas educativas do PP baixo o lema “Profesorado en loita”, que terá lugar o vindeiro mércores día 25 de xuño, ás 12:00 horas en San Caetano. Así o anunciou a secretaria nacional, Laura Arroxo, que fixo un chamamento ao profesorado a protestar contra os recortes, a privatización e a censura.
A nova campaña da CIG-Ensino pivota, segundo explicou Arroxo, sobre tres cuestións esenciais, “rectificar, recuperar e recoñecer” e vai dirixida, por unha banda, á Xunta de Galiza e, pola outra, á minoría sindical que pactou “un pésimo acordo en plena precampaña electoral co daquela candidato Alfonso Rueda”.
Segundo explicou a recén elixida secretaria nacional da organización maioritaria no ensino público, Laura Arroxo, esta combinación de palabras ten un significado moi claro. “Primeiro a Consellaría debe rectificar e reabrir unha nova negociación na que se respecte o sentir maioritario da representación docente e na que se incorporen melloras reais para todas as etapas e niveis educativos”, dixo.
En segundo lugar, subliñou que “o profesorado galego merece recuperar todos e cada un dos dereitos roubados tras os sucesivos recortes desde 2009, nomeadamente o horario lectivo, até este mesmo mes, no que Rueda segue aplicando a tesoira”.
Frear a burocracia
Por último, considerou que a consellaría “debe recoñecer a función docente favorecendo as tarefas propiamente didácticas, freando a burocracia, reducindo as ratios e garantindo medios para atender á diversidade, todas elas demandas unánimes dun sector profesional cada vez máis queimado e menos recoñecido pola administración educativa”.
Tal e como lembrou Arroxo, esta rectificación non só lle compete á Consellaría senón tamén aos sindicatos que “traizoaron” a vontade do persoal docente asinando un acordo que se amosou como “nefasto” e que, nun principio, “hipoteca a varios anos vista calquera posibilidade de nova negociación”.
Que se descolguen do acordo
Por iso instou ás tres organizacións minoritarias a que “recapaciten e se descolguen do asinado”, a única forma “de recuperar a unidade de acción fronte ás políticas da Xunta”. Neste sentido fixo un breve repaso por como está a situación un ano e medio despois da súa publicación no DOG para evidenciar que “este acordo non lle vale a ninguén”.
Respecto de Infantil e Primaria a secretaria nacional de CIG-Ensino denunciou que “todo canto prometía quedou en terra baldía”. Nese sentido, explicou que, agás a baixada ás 23 horas lectivas, sen ningún tipo de reforzo de persoal, como acontecera co incremento en 1.000 mestres e mestras a partir do acordo de 2007, “durante este curso constatouse que non se cumpriu o cómputo como dobre ou triplo do alumnado con NEAE á hora de desdobrar unha aula, nin tampouco se está a aplicar o pactado con respecto ás ratios (non incrementar aquelas que no momento da sinatura tiñan entre 20 e 25 estudantes), nin se enviou todo o profesorado de apoio necesario, nin se produciu a baixada de ratios nas aulas mixtas”.
Xunto a isto lembrou que tal e como denunciou a CIG-Ensino, nestes intres “hai profesorado especialista na atención á diversidade itinerando entre tres centros, a práctica totalidade dos contratos do Plan Mega son a medio xornada, hai prazas insuficientes de atención domiciliara e hospitalaria, neste caso tamén en Secundaria”.
Canto á Secundaria , Arroxo explicou que o persoal destas ensinanzas está “totalmente desafiuzado” por parte da Consellaría. Segue mantendo o horario lectivo semanal máis alto do Estado, despois de que todas as comunidades, algunhas desde hai máis de 5 cursos, foran recuperando as 18 horas lectivas que sempre tiveron nesta etapa. Seguen superándose os 200 estudantes por docente nalgúns casos e sobre todo non hai ningunha medida que permita aliviar a complexidade que ten a atención á diversidade nesta etapa, na que cada vez hai maiores diagnósticos, trastornos, alumnado migrante ou diversidade en xeral.
A situación non está mellor na Formación Profesional , onde a secretaria nacional da CIG-Ensino considerou que “a privatización e o servizo ás empresas por riba de todo”. Así lembrou que se acaba de constatar no anuncio do propio Rueda este luns que á Xunta “sóbralle o profesorado de FP e pretende substituílo contratando profesionais das empresas”.
Denunciou, canda isto, que é nesta etapa onde “a burocratización se eleva ao máximo nivel”, outra das medidas, a suposta simplificación destas tarefas contempladas no acordo nas que “non se produciu ningún avance e mesmo estas se viron incrementadas”.
Do mesmo xeito, no referido ao profesorado de ensinanzas de réxime especial , constátase, como na FP, unha maior oferta privada competindo coa pública, “deixando en mans de entidades certificadoras privadas a acreditación do nivel de idiomas estranxeiros de profesorado e alumnado nas EOIs e tamén unha excesiva burocratización nas ensinanzas artísticas”, apuntou.
“Insaciábel” política de recortes
Pero non só o balance do acordo deixa un panorama desolador. Arroxo incidiu en que “o PP é insaciábel na súa política de recortes e ao longo deste curso non parou de demostralo sen respectar a elección democrática da representación do profesorado”.
Así indicou que “algunhas medidas pasaron pola Mesa Sectorial e malia contar coa oposición neste caso de todas as organizacións sindicais continuaron adiante”. Entre outras apuntou que o adianto do curso académico ao 8 de setembro vai facer inviábel que, en tan só 5 días, se poida preparar todo: organización de grupos, horarios, programacións xerais de centros, programacións didácticas de profesorado, preparación de clases de novas materias e módulos, entre outras.
A isto engadiu a negativa a convocar as prazas de atención preferente para alumnado que precisa de especialistas en Pedagoxía Terapéutica ou Audición e Linguaxe a tempo completo; a eliminación das licenzas por formación retribuídas ou o incumprimento da normativa a respecto da aprobación do Plan de igualdade, que un ano despois non ten avanzado un diagnóstico das desigualdades de xénero existentes dentro da administración educativa nin iniciada a redacción do protocolo contra o acoso sexual.
Cuestións ás que sumou a desvalorización da profesión docente diante do conxunto da sociedade e “o intento de control e censura ideolóxica nas actividades complementarias nun borrador de instrucións que lle foi presentado a todo o mundo, onte mesmo á FEGAMP, agás ás organizacións sindicais”.
O Rueda “máis reaccionario”
Arroxo engadiu que “estamos pois ante un goberno do PP, liderado por Rueda máis reaccionario aínda que o de Feijóo, algo que considerabamos imposíbel, e que está continuamente lanzando a mensaxe de que nos pode apertar até que nos afogue. É por iso que o profesorado ten que dicir NON e polo que consideramos fundamental a asistencia á concentración que terá lugar diante da Xunta o vindeiro 25 de xuño ás 12 horas”.
Á vez avanzou que “unha resposta que reflicta este profundo malestar serviría de detonante para levar a cabo mobilizacións máis contundentes que nestes intres non descartamos de cara ao vindeiros curso”. “Xogan co noso cansazo, con que chegamos coa lingua fóra a fin de curso e sen forzas pero son moitos os motivos polos que cómpre reaxir para que como di esta campaña rectifique dunha vez para poder recuperar e avanzar en dereitos e se nos recoñeza o valor social da nosa profesión”, sentenciou.