A CIG-Ensino anima a festexar o Día de Rosalía

Manifesta o seu apoio á iniciativa da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega de agasallar un libro e unha flor

Compostela -

Un ano máis, a federación de Ensino da CIG anima o profesorado a festexar o Día de Rosalía, unha data de imprescindíbel celebración pois “sen Rosalía de Castro talvez non teríamos hoxe a conciencia colectiva de termos un idioma propio e os azos de seguir reclamando para el o lugar que lle corresponde". Lembran que aínda que non foi a única que ergueu a bandeira da defensa da lingua galega, "foi a primeira en dar o paso definitivo empregando e defendendo o noso idioma co seu ‘Cantares gallegos’”.

Este firme convencemento é o que move á CIG a demandar, ano tras ano, durante a negociación do calendario escolar, a inclusión do Día de Rosalía na relación de datas a celebrar polos centros escolares, unha reivindicación para a que o ano pasado recadou o apoio dos claustros.

Por este motivo, a CIG-Ensino apoia tamén a iniciativa da  Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, que propón celebrar a data agasallando un libro en galego e unha flor, que envía propostas para pór en práctica co alumnado e que realiza lecturas públicas en diferentes vilas e cidades, propostas todas ás que convida a sumarse.

Ademais, a CIG-Ensino asegura que seguirá insistindo en que o 24 de febreiro se inclúa como unha conmemoración centrada no recoñecemento e difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e da nosa literatura. “Os desprezos manifestos da Consellaría non nos farán calar e seguiremos a sinalar os seus prexuízos e o seu autoodio”, afirma.

Ao tempo dá parabéns aos centros e bibliotecas escolares que con tanto traballo, imaxinación e ánimo están a celebrar xa esta data fulcral da nosa cultura.

Volver