A central empraza as forzas nacionalistas e de esquerdas a combater esta nova fraude
A CIG agarda que o trámite parlamentario sirva para frear o “golpe de estado” ás relacións laborais que supón o decreto lei aprobado polo Consello de Ministros/as o pasado 28 de decembro. Por iso chama as forzas nacionalistas e de esquerdas a combater esta nova fraude enmendando na súa totalidade o pactado polo Goberno español, a patronal e os sindicatos nun “diálogo social” que se ten convertido “no enterrador de dereitos da clase traballadora”.
A CIG confía en que estas organizacións non avalen co seu voto unha “non reforma” que consolida os peores aspectos das anteriores e que non permite a recuperación nin a creación de novos dereitos. “Porque non se pode lexitimar que primeiro se acorde no diálogo social e logo se diga amén no Congreso”.
Ao mesmo tempo, a central lamenta a renuncia expresa do sindicalismo pactista e da esquerda española a pelexar por outro modelo económico e social e a súa aceptación do neoliberalismo como “a solución”, mentres seguen empeorando as condicións de vida das maiorías sociais e se negan os marcos propios de decisión das nosas relacións laborais.
Non hai derrogación
Neste contexto, unha delegación da CIG, encabezada polo seu secretario xeral, Paulo Carril, mantivo unha xuntanza o pasado día 3 de xaneiro cunha representación do BNG integrada pola súa voceira nacional, Ana Pontón, e polo deputado no Congreso, Néstor Rego, para abordar os recentes cambios na lexislación laboral.
Tras a reunión –na que tamén participaron a secretaria de Organización e o secretario de Negociación Colectiva, Emprego e Industria, Susana Méndez e Paco Sío–, o máximo responsábel da CIG agradeceulle ao BNG que comparta a visión da central a respecto do cambio normativo, así como que apoie a reclamación de camiñar cara a unha “verdadeira e auténtica derrogación” das reformas anteriores “para recuperar os dereitos roubados e para conseguir novos dereitos”.
Carril explicou que o encontro serviu para constatar que “estamos ante unha non derrogación da brutal reforma laboral” aprobada polo PP en 2012 e que xa fora iniciada en 2010 polo PSOE. Dúas reformas laborais que levaron mesmo convocar unha folga xeral polo que significaba de “golpe de estado” aos dereitos da clase traballadora.
Agora, diante desta nova agresión, a CIG seguirá dando a resposta que sexa necesaria nas rúas e nos centros de traballo para esixir a derrogación efectiva e total destas reformas, pois os cambios introducidos son “insuficientes, inxustos ou inexistentes” e fan que se a anterior reforma “era mala” esta sexa “aínda peor”.
A trampa do diálogo social
Na actual situación de crise económica e industrial, que impacta con especial crueza en Galiza, esta reforma afondará no empobrecemento, así como facilitará a destrución do tecido produtivo ao amparar as decisións empresariais tomadas unilateralmente, como a aplicación dos despidos colectivos ou as modificacións substanciais das condicións de traballo.
Non hai que perder de vista que estas modificacións lexislativas están feitas mediante actuacións “profundamente antidemocráticas e excluíntes”, tendo en conta que se pactaron no marco do diálogo social e á marxe dos ámbitos institucionais aos que as organizacións sindicais máis representativas teñen dereito, entre elas a CIG.
“Esta reforma evidencia a trampa do diálogo social. Durante meses vendéronnos que a derrogación da reforma laboral ía chegar por esta vía, pero a realidade é que nin hai derrogación nin tampouco unha lexislación que permita a creación de novos dereitos, cedéndoselle todo o control en política laboral á patronal”, aseverou.
Por todo isto, cargou contra o feito de que se pretenda aprobar no Congreso dos Deputados/as sen posibilidade ningunha de debate, “tendo en conta que xa naceu viciada porque se reduciu a unha negociación falta de transparencia e de participación democrática”.
Fronte común no Congreso
Pola súa banda, a voceira do BNG, Ana Pontón, apostou por tombar a reforma do PP para recuperar dereitos e enfrontar as graves eivas que padece o mundo do traballo, considerando que a derrogación da reforma depende do traballo que se faga nas vindeiras semanas no Congreso durante a tramitación do RD/Lei.
En consecuencia, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, apelou á necesidade de que as modificacións se tramiten como proxecto de lei para permitir un “cambio en positivo” que se traduza na completa derrogación da reforma. Anunciou tamén que a súa organización xa iniciou contactos con outras forzas soberanistas, como ERC ou Bildu, para facer unha fronte común contra un cambio normativo “lesivo para os intereses da maioría social”, tal e como a CIG está a demandar.