Homenaxe floral a Moncho Reboiras no 42º aniversario do seu asasinato

O sábado 12 de agosto, ás 12:30 horas, no cemiterio de Imo, en Dodro

Nacional -

Este sábado, 12 de agosto, cumpriranse 42 anos do asasinato de Xosé Ramón (Moncho) Reboiras Noia a mas da policía fascista en Ferrol. Como é habitual, desde a Fundación que leva o seu nome e a Confederación Intersindical Galega renderémoslle tributo mediante unha homenaxe floral ás 12:30 horas no cemiterio de Imo, en Dodro, onde descansan os seus restos. Alén da súa prolífica militancia nos diferentes campos do nacionalismo popular, Reboiras destacou tamén nos primeiros xermes de organización obreira que deron lugar ao actual sindicalismo nacionalista.

Na madrugada do 12 de agosto de 1975, máis de 300 axentes dos corpos represivos da ditadura franquista rodeaban o edificio no que se atopaba Moncho Reboiras, na Rúa da Terra en Ferrol. Ao pé do portal, o militante nacionalista era acribillado a tiros.

O seu delito, tal e como foi recoñecido nun acto oficial celebrado o 12 de agosto de 2009 na delegación do Goberno da Coruña, foi a súa “defensa do movemento sindical e a súa militancia nacionalista”. Por iso foi obxecto de “persecución e violencia” e en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, a súa familia recibía o certificado de “reparación e recoñecemento persoal”.

A contribución de Moncho Reboiras aos primeiros xermes do sindicalismo nacionalista foi fundamental. El coordinou a Fronte Obreira da UPG que, en pouco tempo, daría lugar a que agromaran boletíns e organizacións de base en varias cidades. Destes xermolos xurdiría no ano 1975, o Sindicato Obreiro Galego, iniciando ese longo camiño do sindicalismo hoxe representado pola CIG.

42 anos despois do seu asasinato, a figura de Moncho Reboiras segue a ser o exemplo de compromiso coa liberación nacional e social da Galiza.

Volver