A CIG denunciará as comisións de servizo que incumpren a Lei do emprego público de Galiza

O sector de Autonómica ten contabilizadas nas diferentes consellarías unhas 350 comisións "ilegais en tempo e forma"

Nacional -

A asesoría xurídica da CIG está a valorar interpoñer denuncia xudicial contra a Xunta de Galiza para cortar o abuso na utilización das comisións de servizo por parte das diferentes consellarías. Unha actuación que, critica o  sector de Autonómica da CIG-Administración, conta co consentimento de Función Pública. A central sindical ten detectado que existe persoal que leva máis de 8 anos en comisións de servizo, ben sen cambio de posto (aínda que o prazo máximo legal de ocupación dunha praza en comisión é de 2 anos) ou ben con intercambio de prazas "para así saltarse as normas".

Esta mesma semana, coñecíase a sentenza do xulgado do contencioso administrativo 3 da Coruña que anula o nomeamento de máis de 150 comisións de servizos no Concello de Coruña, a raíz dunha denuncia presentada pola CIG. Con esta mesma base xurídica, a CIG está a estudar levar aos xulgados a Xunta de Galiza "para poñerlle coto a esta falcatruada promovida polas distintas consellerías e consentida pola Dirección Xeral de Función Pública".

O abuso das comisións de servizo na Xunta de Galiza é tal, engaden, que por exemplo, tan só no 2018 producíronse as seguintes renovacións (contabilizadas unha a unha pola CIG):

  • -290 con data inicial de 2016, das que a maioría están xa sobrepasando os 2 anos máximos legais.
  • 65 renovadas, con data inicial de 2015.
  • 63 renovadas, con data inicial de 2014.
  • 13 renovadas, con data inicial de 2013.
  • 2 renovadas, con data inicial de 2012.
  • 3 renovadas, con data inicial de 2011.
  • 4 renovadas, con data inicial de 2010.

"A punta do iceberg"

Deste xeito, existen sobre 350 comisións ilegais en tempo e forma. Situación que o sector de Autonómica da CIG cualifica de "un auténtico escándalo".

Porén, a secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, advirte que este cálculo "é a punta do iceberg", xa que a administración non facilita información ás centrais sindicais sobre estes nomeamentos. "Sabemos que son moitísimas máis polo cruzamento (normalmente na mesma unidade) de comisións que fan que haxa persoal que non podamos contabilizar, pero que leva máis de 2 anos ocupando efectivamente a mesma praza, aínda que oficialmente figure traballando noutro lado, o que é unha grande fraude".

O feito de ter prazas moi antigas en comisión evidencia "o ocultamento de prazas vacantes nos concursos de traslados", impedindo así que as traballadoras e os traballadores da administración poidan solicitar esa praza cando concursan. Esta realidade vese agravada pola falta de concursos de traslados, que xera unha situación "inxusta" que provoca que o persoal teña a comisión de servizos "como única alternativa para o achegamento ao fogar, unha mellor conciliación ou incluso unha mellora retributiva".

Necesidade de convocar os concursos de traslados

Neste senso, lembran que xa pasaron máis de tres anos dende o anterior concurso de traslados de corpos xerais, máis de seis para o de persoal laboral, e un número variabelmente elevado para escalas e corpos especiais, polo que a CIG-Autonómica insiste na necesidade da convocatoria destes procedementos ordinarios de provisión de postos de traballo, ofertando a totalidade de todas as vacantes, como mellor sistema para producir a limpeza das comisións de servizo.

En paralelo, a central sindical defende que no Decreto de mobilidade de postos de traballo, que se está a negociar nestas semanas, se introduzan cambios que establezan criterios para a concesión de comisións de servizo, se marquen un tempo máximo nesa situación, que force a rotación entre todas as persoas solicitantes, etc.

Volver