A CIG denuncia unha nova discriminación ao persoal laboral do Concello de Ponteareas

O Goberno local propuxo incrementos retributivos para os funcionarios/as “mentres segue sen completar unha correcta valoración do persoal laboral”
Ponteareas - 02 Feb 2024

O sector de Local da CIG-Administración denuncia unha nova discriminación do persoal laboral do Concello de Ponteareas, que vén de promover unha modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) con incrementos retributivos para determinados postos de persoal funcionario “mentres segue sen completar unha correcta valoración do persoal laboral”.

Segundo explican dende a central sindical, na mesa xeral de negociación que tivo lugar o este pasado xoves 25 de xaneiro, o novo Goberno municipal acordou -a proposta da UGT e cos votos a favor das súas delegadas funcionarias- unha modificación da RPT que inclúe o incremento do complemento específico de 5 postos de persoal funcionario xustificado nunha maior valoración de diferentes conceptos. 

A proposta foi da UGT, e votaron a favor as súas delegadas funcionarias

Diante disto a CIG solicitou que estas modificacións, “que non entramos a discutir”, fosen retiradas para ser levadas posteriormente xunto coa valoración de todo o persoal laboral que segue sen ser rematada, “para evitar unha nova discriminación deste colectivo”.

Esta modificación contempla a supresión de varios postos e a creación doutros, “cuestión á que de entrada non nos opoñemos, e incluso realizamos achegas que consideramos que melloran a organización dos servizos; pero o que non podemos é aceptar que o persoal peor tratado en materia retributiva do Concello vexa como unha vez máis se revisan as valoracións de determinado persoal funcionario mentres a súa segue parada.

Vacacións e permisos

Por outra banda, a CIG, xunto co resto da representación sindical, trasladoulle ao concelleiro de Recursos Humanos o malestar do persoal municipal coas instrucións sobre o réxime de vacacións e permisos adoptadas mediante decreto da Alcaldía sen negociación previa, “cando é unha materia que afecta as condicións nas que se desenvolve o traballo”.

Neste senso, sinalan que estas instrucións regulan de maneira unilateral cando e como se poden solicitar permisos e vacacións, “limitando o seu exercicio e introducindo unha elevada discrecionalidade na súa concesión”. Polo que a central sindical está disposta a pactar unhas instrucións que ordenen o goce de vacacións e permisos, “pero nunca a aceptar unhas normas impostas por decreto”.