A CIG critica que o preacordo subscrito, esta mañá, entre a Xunta de Galiza, a CEG e a UGT sobre a xestión das incapacidades temporais -pendentes de coñecer con máis detalle os contidos exactos do mesmo- non introduce ningunha modificación de fondo respecto das políticas impulsadas polo Partido Popular. Cambia a denominación da problemática das baixas laborais pero consolida un modelo baseado no control das persoas traballadoras, no reforzo do papel abusivo das mutuas e na criminalización das baixas médicas. “Estamos ante un preacordo que fai un branqueamento dos anuncios e das mentiras repetidas mil veces pola patronal, da que o PP se fixo máximo defensor e agora UGT colaborador”.
Así o asegura o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen, ante este preacordo, afirma que “hoxe máis que nunca, reinvindicamos, unha vez máis, que enfermar non é delito porque a saúde un dereito.”
Carril lembra que a central sindical xa presentou un recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra a resolución da Consellaría de Sanidade, publicada no DOG do 20 de maio de 2026, pola que se aprobou un novo protocolo de xestión clínica e seguimento das incapacidades temporais, ao entender que supón unha inxerencia inaceptable das mutuas no sistema público de saúde e unha vulneración dos dereitos das persoas traballadoras.
Neste sentido, Carril advirte que nas 37 medidas agora anunciadas neste preacordo nada se di sobre a derrogación desta resolución, polo que se mantén plenamente vixente ese protocolo da Xunta. Por iso considera que “calquera proposta que non derrogue esta resolución, que manteña todo o poder e competencias para as mutuas e criminalice as baixas, está chamado ao fracaso e vai no camiño da solución máis inxusta ás persoas traballadoras "
O secretario xeral da CIG alerta, ademais, de que calquera proposta sobre a mellora da atención ás persoas enfermas, “é imposíbel” mentres se manteñan os recortes e a privatización da sanidade pública. “Vén confirmar a realidade que temos a día de hoxe: que a clase traballadora galega está máis tempo enferma por mor desas privatizacións e recortes e polo aumento das listas de agarda cirúrxicas e das consultas externas, ademais de por termos a porcentaxe de poboación ocupada máis avellentada do Estado.”
Nese sentido, lembra as constantes mobilizacións en defensa da sanidade pública e contra as políticas da Xunta, como a celebrada hai uns días en Verín, e critica que nin a Xunta nin a UGT entran a analizar as verdadeiras causas. Por iso conclúe que "é imposíbel afrontar seriamente esta cuestión sen reverter o deterioro e a privatización da sanidade pública, o empeoramento continuado das condicións de traballo e da saúde laboral, así como o feito de que, producindo máis ca nunca, traballamos en peores condicións e durante máis horas que na maioría dos Estados do noso contorno".