A CIG denuncia que a aparente mellora do emprego en xullo agocha un mercado laboral cada vez máis precario e inestábel

Advirte de que o incremento das afiliacións responde á contratación temporal propia do verán, mentres o paro aumenta, especialmente entre as mulleres
Nacional - 04 Ago 2026

Os datos do paro rexistrado e das afiliacións á Seguridade Social correspondentes ao mes de xullo confirman que o mercado laboral galego continúa instalado na precariedade e na estacionalidade. Así o asegura o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, quen considera que a aparente contradición entre o incremento do paro e o aumento das afiliacións non responde a unha mellora estrutural do emprego, senón á creación de postos de traballo temporais ligados á campaña estival.

Neste sentido, Sío lembra que, mentres o número de persoas desempregadas rexistradas aumentou en 1.554, rematando o mes de xullo cun total de 107. 322 persoas desempregadas, as afiliacións á Seguridade Social medraron en 12.916 persoas, unha evolución que require unha análise máis profunda que a simple lectura das cifras. 

A creación de emprego volve concentrarse nos sectores propios do verán, como a hostalaría e o comercio

 O secretario confederal de Emprego subliña que a creación de emprego volve concentrarse nos sectores propios do verán, como a hostalaría e o comercio, ao tempo que outros, como a educación, destrúen miles de postos de traballo ao remate do curso escolar. En concreto, a hostalaría gañou 5.518 afiliacións, o comercio 3.638, a Administración pública 2.276 e as actividades sanitarias e de servizos sociais 3.191, mentres que a educación perdeu 6.479 afiliacións nun só mes. Para a CIG, esta alternancia entre sectores confirma a enorme fraxilidade do mercado laboral galego e a incapacidade para crear emprego estábel ao longo de todo o ano.

Carácter temporal 

A educación perdeu 6.479 afiliacións nun só mes

 Sío denuncia ademais que a maior parte das novas altas na Seguridade Social teñen carácter temporal. Os datos amosan que os contratos temporais a xornada completa medraron en 6.928 persoas (7,5%) e os temporais a xornada parcial en 5.475 (17,5%), mentres descenden modalidades como os contratos fixos descontinuos e mesmo os indefinidos a tempo parcial. A xuízo da CIG, isto confirma que o incremento da afiliación responde ás necesidades estacionais das empresas e non á consolidación de emprego de calidade.

O secretario confederal de Emprego considera que estes datos desmontan un dos principais obxectivos cos que foi presentada a reforma laboral de 2021. "Prometeuse acabar coa temporalidade, pero o que vemos é que simplemente cambiaron as modalidades contractuais mentres continúa o abuso da contratación precaria", afirma Sío. Proba diso é que durante o mes de xullo se rexistraron 61.355 contratos temporais, fronte a 23.998 indefinidos, polo que apenas o 28,1% dos contratos asinados tiveron carácter indefinido. 

Hai empresarios  máis preocupados polo absentismo que por crear empresas capaces de ofrecer emprego estábel

 Por iso cualifica de “fracaso” estas políticas de emprego, denuncia a “baixa calidade do tecido empresarial” e considera que “hai empresarios que están máis preocupados polo absentismo que por crear empresas capaces de ofrecer emprego estábel”. Empresarios que, afirma, “están máis preocupados  de que os seus traballadores e traballadoras vaian traballar estando enfermos que de crear emprego de calidade”.

Precariedade entre as mulleres

Outro dos aspectos que preocupa especialmente á CIG é o impacto da precariedade sobre as mulleres. Dos 1.554 novos desempregados rexistrados no mes de xullo, 1.332 son mulleres, é dicir, o 86% do incremento do paro. Ademais, dous terzos das novas persoas desempregadas proceden do sector servizos, precisamente o máis feminizado da economía galega. Para Francisco González Sío, estes datos evidencian que "a cara da precariedade segue tendo nome de muller". 

A cara da precariedade segue tendo nome de muller

 A CIG considera tamén que a persistencia desta realidade responde ao fracaso das políticas laborais desenvolvidas nos últimos anos. Sío lembra que continúa sen derrogarse a reforma laboral de 2012, o que mantén un sistema no que despedir segue sendo barato e doado, e insiste en que é necesario un cambio profundo das políticas económicas e de emprego.

Neste contexto, a central sindical reclama un reforzo decidido dos servizos públicos e unha política industrial capaz de crear emprego estábel e con salarios dignos, fronte a un modelo excesivamente dependente das campañas estacionais e dos sectores con maior precariedade laboral.

Para o secretario confederal de Emprego, os datos de xullo confirman unha vez máis que a evolución positiva dalgúns indicadores estatísticos non pode ocultar a realidade dun mercado laboral galego marcado pola temporalidade, a estacionalidade e a desigualdade, unha situación que continúa castigando especialmente ás mulleres e ás persoas traballadoras dos sectores máis precarizados.