A CIG denuncia que a actual vaga de lumes é consecuencia do fracaso da política medioambiental da Xunta

Critica a visión produtivista e especulativa da Lei de Montes e reclama un novo Plan Forestal de Galiza

Vigo -

A CIG denuncia que a vaga de incendios que está a padecer o noso país é consecuencia do fracaso da política medioambiental da Xunta, que teima en “aplicar medidas que xa se teñen demostrado ineficaces no pasado e afonda na estratexia de converter Galiza nun deserto sen futuro”. Dende a central critican a visión produtivista e especulativa que introduce a Lei de Montes e reclaman un novo Plan Forestal de Galiza elaborado coa participación de todas as entidades que viven, traballan ou xestionan o medio rural.

O secretario confederal de Medioambiente da CIG, Anxo Pérez Carballo, lembra que ano tras ano o noso país padece milleiros de lumes forestais que arrasan milleiros de hectáreas, que destrúen o noso patrimonio, que hipotecan o futuro do monte e do rural e que poñen en perigo vidas humanas e vivendas. Mais, segundo denuncia, a Xunta segue a aplicar medidas que xa se teñen demostrado inoperantes no pasado “e afonda na estratexia de converter Galiza nun deserto sen futuro”.

Neste senso, sinala a aprobación dunha Lei de Montes só cos votos a favor do PP e coa opinión en contra dos sectores afectados que se centra unicamente na visión produtivista e especulativa do monte, fomentando o aproveitamento madeireiro en prexuízo doutros usos. Así, sosteñen que facilita a forestación de terras agrarias, o que significa reducir a superficie agraria útil e multiplicar as especies invasoras de crecemento rápido que reporten beneficios a curto prazo.

Ademais, entende que desvirtúa absolutamente a anterior lexislación en materia de incendios, abandonando os traballos de limpeza, minimizando as distancias de seguridade e fomentando a produción forestal de cultivos enerxéticos.

Ao mesmo tempo, critica que a Xunta teña tamén en marcha a aprobación dun Plan Forestal de Galiza que aposta decididamente polos cultivos enerxéticos, pola produción masiva de especies invasoras de rápido crecemento e pola desaparición do uso agrícola das nosas terras. “Proba palpábel disto é a prórroga de 60 anos concedida a Ence polo Goberno en funcións. En definitiva, producir para queimar”.

Diante disto, acusa o Goberno galego de retomar a xa anteriormente fracasada política de Fraga de descentralizar a loita contra o lume, “volvendo a apostar por diluír os efectivos en Concellos, empresas públicas e privadas e na propia Administración galega”. En canto ás repercusións no ámbito profesional, na CIG entenden que este modelo afonda na precarización do emprego no sector, abandona á súa sorte a centos de persoas con moitas veces escasa formación específica e non respecta a normativa en materia de prevención de riscos laborais.

Nova política medioambiental

Dende a central apostan por redifinir a política medioambiental, suprimindo calquera axuda á silvicultura e á forestación con especies pirófitas, direcionando os fondos públicos cara ao fomento das especies autóctonas, o abandono do eucalipto e os modelos de aproveitamento multifuncional e sustentábel. Tamén consideran necesario reducir a superficie ocupada polo Eucaliptus globulus e prohibir a forestación con Eucaliptus nitens e outras especies invasoras en todo o territorio galego.

Outra das propostas da CIG pasan por prohibir o cultivo de especies alóctonas nos espazos protexidos abandonando a pretensión de “xestionar activamente” os bosque de ribeira e as etapas maduras de sucesións ecolóxicas e por impedir os cultivos enerxéticos e o aproveitamento da biomasa forestal residual exclusivamente con fins enerxéticas, priorizando o uso da biomasa para restituir a materia orgánica e os nutrientes ao solo, así como a compostaxe.

Tamén propoñen adaptar a actividade forestal ao cambio climático, tendo en conta as situacións de risco (lumes, erosión, perda de capacidade de retención e de fertilidade, etc.) nos nosos montes e buscar alternativas para evitar a degradación e a perda de solo fértil nos montes. “Reverter este proceso é imprescindíbel para garantir a existencia dos propios sistemas forestais, a conservación dos ecosistemas e a produción de recursos no futuro”, sosteñen.

Con respecto á política de montes, reclaman a modificación da Lei de Montes de Galiza actualmente vixente nos termos resumidos anteriormente. Tamén piden a retirada do Parlamento galego das directrices para a revisión do Plan Forestal de Galiza e a elaboración doutras contando coa participación de todas as entidades que viven, traballan ou xestionan o medio rural.

Finalmente, no que ten que ver coa prevención e loita contra os lumes demandan que se estableza un único operativo e mando de carácter público, tanto para a prevención como para a extinción.

Volver