A CIG denuncia trato discriminatorio do Concello de Sarria co persoal da residencia de maiores

Cobran as nóminas con atraso e o goberno municipal non avanza na súa equiparación salarial

Sarria -

Unha vez máis, constátase o atraso no pago das nóminas ao persoal da Residencia de Maiores Nuestra Señora del Carmen, de Sarria, cando o resto dos/as traballadores/as municipais xa cobraron os salarios do mes de agosto. Esta situación discriminatoria repítese dende hai tempo, polo que dende a CIG de Lugo-A Mariña reclaman que a xestión administrativa das nóminas do persoal da residencia se faga conxuntamente ao do resto do persoal do Concello, "pois teñen recoñecida xudicialmente a condición de persoal do Concello".

Tras máis de dous anos de lexislatura, engade o secretario comarcal de Organización, Lois Neto, o actual goberno municipal de Sarria continúa "a mesma liña desprezativa cara ao persoal da residencia que o anterior goberno municipal". Neste tempo de lexislatura non se deu ningún paso cara a corrixir esta problemática.

A Unión Comarcal entende que hai un trato desprezativo e discriminatorio cara ás traballadoras e traballadores, manifestado claramente cando, a mediados do mes de agosto, a CIG solicitou unha reunión ao goberno municipal para abordar a equiparación salarial do persoal da residencia "e a día de hoxe non obtivemos ningunha resposta". "Isto é indicativo da mala fe negociadora do Concello a este respecto, co agravante, ademais, de existir unha sentenza xudicial que obriga ás partes a negociar dita equiparación salarial", subliña Neto.

Esta situación vénse arrastrando dende hai máis de 4  anos e durante o goberno do PP foi imposíbel darlle solución. " Ao inicio desta lexislatura desde o persoal da residencia entendeuse que era razoábel dar un tempo ao novo goberno, mais dous anos despois a realidade é que non se deu ningún paso encamiñado na dirección de resolver esta problemática".

"Desde a CIG entendemos que é imprescindible solucionar a problemática deste persoal de forma inmediata, e actuaremos con todos os nosos medios para que iso sexa así", advirte.

Volver