A CIG denuncia o despido de cinco autónomos dependentes de Frigolouro que secundaron a folga para reclamar melloras laborais

O persoal de Servicarne que entrou a traballar estivo vixilado por gardas de seguridade

Vigo -

A federación de Alimentación da CIG vén de denunciar o despedimento de cinco traballadores/as autónomos/as dependentes de Frigolouro que participaron nas xornadas de folga e nas mobilizacións convocadas para reclamar melloras nas condicións laborais. A central critica o feito de que o persoal de Servicarne que entrou onte a traballar estivese vixilado en todo momento por gardas de seguridade.

Os traballadores/as de Servicarne, persoal autónomo dependente da empresa de procesados cárnicos Frigolouro do Porriño, celebraron unha asemblea na tarde de onte para analizar o sucedido pola mañá, cando regresaron ao seu posto de traballo. A catro deles/as a comunicáronlles que non superaron o período de seis meses de proba establecido para entrar na cooperativa de traballo asociado Servicarne, mentres que outro que xa era socio foi despedido por supostamente ter ameazado a través do teléfono móbil a un compañeiro que non secundou o paro.

Curiosamente, as cinco persoas despedidas participaron tanto nas xornadas de folga como nas mobilizacións convocadas para reclamar melloras nas condicións laborais. Dende a CIG anunciaron que as rescisións de contrato xa foron postas en coñecemento da Inspección de Traballo e dos propios servizos xurídicos da central e adiantan que a readmisión dos despedidos/as será a principal reivindicación en calquera negociación coa empresa.

Na asemblea de onte os falsos/as autónomos/as dependentes de Frigolouro tamén criticaron a actitude da dirección da empresa, xa que unha vez que regresaron ao seu posto no interior das instalacións de Frigolouro estiveron en todo momento vixilados/as por gardas de seguridade, que mesmo os acompañaban até o cuarto de baño.

Moción ao pleno do Porriño

Por outra banda, os traballadores/as de Servicarne decidiron acudir ao pleno do Concello do Porriño que terá lugar este mércores e no que se debatirá unha moción do BNG na que se reclama o apoio da corporación municipal á súa loita. A sesión dará comezo ás 19.00 horas e a moción figura no punto número tres da orde do día.

Finalmente, dende a CIG amósanse moi críticos/as coa actitude do comité de empresa de que Frigolouro, xa que a central é o único sindicato con representación nel que apoia as mobilizacións. “Tanto CCOO e UGT como o Sindicato Independente dedícanse a boicotear as protestas; coa boca pequena trasladan o seu apoio moral, pero logo fan comentarios para intentar desmobilizar”, censuran.

NOVA RELACIONADA: Autónomos/as dependentes de Frigolouro trasladan protestas á Xunta e á Inspección en Vigo para reclamar emprego digno

Volver