A CIG denuncia o acordo asinado por CCOO, CSIF, UGT e Función Pública porque anula parte do V Convenio Colectivo

O acordo afecta á promoción interna da OPE 2016

A Coruña -

O sector de Autonómica da CIG-Administración presentou unha demanda no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra o acordo que deixa sen efecto un artigo do convenio colectivo do persoal laboral da Administración autonómica que afecta á promoción interna da Oferta de Emprego Público (OPE) para o ano 2016.

A demanda da CIG-Autonómica vai contra os puntos primeiro, segundo e terceiro do acordo asinado o 24 de febreiro de 2016 por CCOO, CSIF e UGT con Función Pública, onde deixan sen efecto para a Oferta Pública de Emprego de 2016 parte do V convenio colectivo.

Nese senso, dende o Sector de Autonómica da CIG aclaran que o denunciado foi á modificación do artigo 9 do V Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta de Galiza a través dun acordo que a CIG considera ilegal. Este artigo rubricado “Quenda de promoción interna e cambio de categoría”  dispón, ou máis ben dispoñía, na súa alínea 4 que: “As vacantes non cubertas por esta quenda acumularanse á quenda de acceso libre”.

"Con esta alteración do convenio colectivo as prazas de promoción interna que non se cubran, elimínanse, de xeito que se o Tribunal dun proceso selectivo aproba a menos persoas candidatas que prazas na quenda de promoción interna, estas desaparecen sen acumularse á quenda libre, en contra do pactado entre os sindicatos asinantes do convenio colectivo e a Xunta de Galiza", engaden.

A CIG denuncia que o citado acordo que altera o convenio colectivo non foi obxecto de negociación polo Comité Intercentros, que é o  órgano competente para a negociación do convenio (art. 46.6.a do V convenio).

Asemade, non se constituíu comisión negociadora (art. 89.1 Estatuto dos Traballadores) nin foi presentado para rexistro perante a autoridade laboral (art. 90.2 ET) nin foi obxecto de publicación oficial (art. 90.3 ET)  no “Diario Oficial de Galicia”, como se ten feito en ocasións anteriores nas que se modificou o convenio.

Coa sinatura deste acordo estase tamén a inflar a oferta de emprego público de 2016 coa incorporación de prazas ofertadas en anos anteriores e que non foron convocadas en tempo.

O sector da Autonómica censura que "CCOO, CSIF e UGT permiten con este acordo que non haxa unha promoción interna real e efectiva naqueles grupos e categorías cunha maior demanda, como son os grupos I e II".

Ao tempo, co que cualifican de "vergoñenta submisión", permiten que nunha categoría xa convocada como é a de ordenanza non exista promoción interna, "é dicir, toda aquela persoa que tiña aspiracións a promocionar dentro do grupo V para a categoría de ordenanza, pola incompetencia e complicidade destes sindicatos coa Administración, non o vai poder facer".

"Grazas á colaboración destes “sindicatos” co goberno do Partido Popular,  non se garante en ningún momento a convocatoria da OPE 2016, tal e como aconteceu coa OPE 2015 que non se convocou". Dende a CIG-Autonómica lamentan que estas organizacións sindicais participen do xogo de "demagoxia e manipulación" do goberno do PP.

Dende a CIG esíxese a convocatoria do 100% das prazas vacantes, que se respecte o Convenio Colectivo, que se faga unha promoción interna real, e que as prazas non cubertas por esa quenda se acumulen á oferta libre.

Volver