A CIG denuncia o abandono do Servizo de Gardacostas mentres a Xunta proxecta unha imaxe de falsa operatividade

Reclama a cobertura inmediata das prazas, medios materiais e EPIs suficientes, formación adecuada e o recoñecemento da xubilación anticipada
Nacional - 18 Set 2026

 

A CIG-Administración Autonómica denuncia anos de abandono efectivo do Servizo de Gardacostas de Galiza por parte da Xunta, mentres a Administración o utiliza para proxectar unha imaxe de gran operatividade e capacidade de resposta ante as emerxencias marítimas. Fronte a iso, o sindicato alerta das vacantes sen cubrir; procesos selectivos lentos; falta de persoal operativo; embarcacións paradas por avarías; equipamentos obsoletos ou insuficientes; falta de EPIs e uniformidade; formación pouco actualizada e excesivamente teórica; falta de medios específicos para vixilancia e salvamento; sobrecarga do persoal que permanece operativo; retrasos na aplicación dos acordos sobre horarios e bloqueo da solución para os coeficientes redutores.

 

A CIG-Autonómica denuncia que os postos deste persoal funcionario cóbrense a contagotas e que todas as novas contratas de tripulación de novos barcos xa se privatizan directamente. Isto xunto á discriminación que sofren, xa que malia ser traballadores do mar non teñen a xubilación anticipada, e ás condicións laborais e salariais, peores en moitos casos. Unha situación que provoca que o persoal valore marchar. “Non é o primeiro que renuncia a unha praza de funcionario polas condicións penosas da Xunta e fuxe para a privada”.

Situación das bases operativas

Ademais, as bases ou unidades operativas están incompletas. En todas existen postos sen cubrir, nomeadamente de mecánicos/as, axentes-vixiantes mariñeiros/as e patróns/ás, o que dificulta garantir o servizo con seguridade e tamén que saian as embarcacións.

En Vilaxoán, a RPT conta con 17 postos e hai 13 efectivos, dos que 12 están en actividade operativa, quedando vacantes catro prazas de axentes e unha de auxiliar administrativo/a. En Celeiro, a pesar da incorporación recente dun patrón, un mecánico e tres vixiantes-mariñeiros/as, a embarcación continúa parada por avaría.

En Portosín, a base está practicamente completa e só queda unha praza de mecánico/a por cubrir, pero persisten os problemas de uniformidade para as novas incorporacións. En A Coruña hai cinco vacantes —unha de mecánico/a, unha de subinspector/a e tres de vixiantes-mariñeiros/as—, ademais de carencias en equipamentos, con prismáticos e drons de baixa calidade e sen equipos de visión nocturna nin drons con cámara térmica. 

En Vigo, só hai un mecánico, polo que a embarcación só pode saír nunha quenda das tres previstas. Polo menos catro persoas non poden embarcar nin realizar quendas nocturnas por prescrición médica, sobrecargando o resto do persoal. Hai tamén dúas prazas de axentes da RPT de Vigo situadas actualmente en Mar de Galicia e está prevista a xubilación dunha inspectora.

A CIG-Autonómica sinala tamén importantes carencias na planeadora Illa de San Simón, que non dispón de halador nin de cabina para protexer o persoal do frío, a chuvia, o vento ou a calor extrema. Os prismáticos e lanternas están obsoletos, existen drons inutilizados por falta de formación e o concurso da roupa permaneceu bloqueado durante máis dun ano por un recurso empresarial. Porén o problema das lanchas planeadoras - segundo denuncia o persoal é xeral-, non cumpren os pregos de prescripcións técnicas e teñen problemas de seguridade por erros e chapuzas na sua construcción.

“Non hai persoal nas listas”

Segundo a CIG, a Xunta xustifica esta situación argüíndo que “non hai persoal nas listas”. A este respecto explica que a realidade é que a xestión das listas é “lenta e farragosa” e que “pasan meses ou anos desde que se abren até que están operativas”. Ademais subliña que “non se anotan porque as condicións laborais son menos atractivas que no sector privado e, ademais, o persoal funcionario de Gardacostas non ten os dereitos do Réxime Especial do Mar como a xubilación anticipada, aínda que si as obrigas”. E engade que a Xunta crea a escala operativa no grupo B pero mantén suspendida a efectividade dese encadramento, polo que “o persoal continúa no C1 e non percibe as retribucións correspondentes ao grupo de titulación e ás funcións que realiza”. Unha rebaixa profesional que non fai atractiva a escala.

Segundo a CIG-Autonómica, isto non pasa, porén, nas listas de axentes que están cheas pero onde tamén hai postos sen cubrir, simplemente porque racanean a cobertura de postos. Nestes intres temos mais de 25 postos sin cubrir nas bases operativas.

A dificultade de cobertura responde a que a Xunta non trata realmente como un servizo de emerxencias, malia a súa propia normativa de creación e funcionamento define Gardacostas como un servizo que intervén en situacións de emerxencia e salvamento. A isto negade que a aplicación das limitacións derivadas da Lei de medidas do 2012 dificulta a cobertura áxil de vacantes mediante persoal interino e tampouco están previstos como persoal esencial na lei de orzamentos. Unha reivindicación que vén facendo ano tras ano.

Ademais, as ofertas de emprego público e os procesos selectivos non permiten, segundo a CIG-Autonómica, repoñer con rapidez as vacantes e xubilacións. Ademais, acumúlanse atrasos na resolución dos procesos selectivos, como sucede actualmente co proceso de patróns e mecánicos e coa ausencia de calendario para convocar a oposición de 22 axentes. Por iso o sindicato pregúntase se estamos simplemente ante unha mala xestión ou ante un debilitamento progresivo do servizo público, para acabar xustificando a externalización ou privatización de determinadas funcións do servizo, como a xestión e as tripulacións das embarcacións con SASEMAR e REMOLCANOSA. 

Xubilación anticipada

O persoal de Gardacostas leva anos reclamando o recoñecemento de coeficientes redutores por varias vías atopándose cunha serie de discriminacións e inxustizas burocráticas. O ultimo intento foi o expediente polo procedemento do RD 1698/2011, iniciado formalmente o 5 de abril de 2024 pola CIG. En abril de 2026 que, despois de dous anos, continuaba paralizado e que a Xunta, malia ter manifestado a súa disposición a colaborar, aínda non se adherira formalmente ao procedemento pese a ter manifestado a súa conformidade.

A CIG-Autonómica advirte de que agora a Xunta pretende iniciar un novo expediente polo procedemento establecido no RD 402/2025 que ten maiores condicionantes e é mais restritivo ademais de valorar individualmente a cada escala ou colectivo. “Isto supón volver empezar de cero e dilatar novamente unha reivindicación histórica, cando xa existe un expediente iniciado pola vía anterior, porén se é a unica solución, vai ter que adherirse xa que neste novo procedemento a iniciación ten que ser conxunta sindicatos e administración. “A cuestión é especialmente preocupante si o que pretende a Xunta do PP é facer campaña e utilizar ao persoal gardacosta como baza política contra o Goberno do Estado, en lugar de avanzar efectivamente na solución xa que esa é a estratexia no inicio do procedemento noutros colectivos”.

A CIG alerta de que, entrementres aumentan as enfermidades e lesións polo factor idade. “Hai adaptacións de postos de persoas que deberan estar xubiladas, porque a súa saúde non lle permite facer o traballo ao 100%”. Ademais, a sobrecarga de traballo, pola falta de persoal, incrementa aínda máis os riscos. Sobre todo en intervencións complexas, como retirada de artes de pesca, actuacións contra o furtivismo, busca e salvamento ou actuacións en condicións meteorolóxicas adversas, sen contar sempre cos medios adecuados.

De feito, hai carencias de uniformidade, roupa de traballo e EPIs, especialmente nas novas incorporacións, que en ocasións non dispoñen do equipamento completo nin das tallas necesarias. A CIG leva anos reclamando un estocaxe suficiente e considera inadmisible que se traballe no mar sen o material e a formación en prevención de riscos necesarios. Tamén denuncia que a formación é insuficiente e excesivamente teórica, e reclama capacitación en drons, medios para reducir riscos, seguridade e defensa persoal, mediación, manexo de guindastres e condución todoterreo. Así mesmo, as comisións de seguimento son escasas e os acordos aplícanse con moita lentitude: a orde de horarios negociada en 2025 segue sen aplicarse efectivamente, o que provoca acumulación de noites nas carteleras e incumprimento dos descansos previstos.