A CIG demanda a Inditex negociar en Galiza os Plans de Igualdade para as traballadoras galegas

Non descarta mobilizacións na Coruña se non se equiparan as condicións ás do resto de provincias
Nacional - 16 Mai 2018

Delegadas/os da CIG-Servizos en Inditex participaron este mércores nunha xornada de traballo para pór en común as casuísticas laborais e en materia de igualdade nas distintas tendas do Grupo, na loxística e en cada provincia galega, para definir as pautas de actuación e as propostas a achegar á mesa de negociación. A secretaria nacional das Mulleres da central sindical, Margarida Corral, demandou un marco galego para que as condicións das traballadoras e os plans de igualdades se negocien coa empresa en Galiza e a secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, exixiu a equiparación das condicións laborais e salariais en todas as provincias, nomeadamente na da Coruña, onde non descartou mobilizacións se non se chega a un acordo.

Corral lembrou que os Plans de Igualdade son obrigatorios nas empresas con máis de 250 traballadoras/es e denunciou a negativa da dirección do grupo Inditex a negociar os Plans de Igualdade en Galiza “cando a sede social está radicada no país”.

Neste sentido lembrou que a maior sede do Grupo está en Arteixo, Zara Loxística, e denunciou que porén, para abordar os Plans de Igualdade “aducen que as comunicacións que temos en Galiza son nefastas -co cal si estamos de acordo e instamos a que haxa mellor comunicación en tren e en avión-, pero iso non pode servir de escusa para obrigarnos as traballadoras galegas a desprazarnos porque as asesoras e o persoal de dirección está radicado en Madrid ou Barcelona”.

Por iso considerou que coa negativa de Inditex se están a vulnerar os dereitos que teñen as traballadoras a contar con asesoras que as acompañen na negociación destes plans.

Diferenzas salarias dentro do Grupo

Pola súa banda a secretaria nacional da federación, Transi Fernández, sinalou que as diferenzas non se cinxen aos Plans de Igualdade, senón que se dan tamén en materia salarial e social.

A este respecto lembrou que logo de conseguirse melloras nas condicións económicas na provincia da Coruña a CIG iniciou un proceso de negociación en Pontevedra para conseguir que esas melloras se estenderan tamén a esta provincia. Unha demanda que a empresa rexeitou, en concreto en Bershka, o que provocou unha folga de 9 días tras da que as traballadoras conseguiron un incremento de 80€ ao mes máis outros 40 de dous pluses que tiñan, xunto a outras melloras sociais.

“A empresa tomou conciencia e asumiu que tiña que repartir unha parte dos cartos que gaña Amancio Ortega”, afirmou Fernández, quen sinalou que, a partir de aí, se conseguiu que esas mesmas condición se acadaran en Lugo e Ourense.

Porén agora, na provincia da Coruña, onde se conseguira un plus de 72€ proporcionais á xornada –completa ou parcial-, as condicións son inferiores. Por iso a secretaria nacional da CIG-Servizos avanzou que o obxectivo é que tamén aquí se equiparen salarios, pluses e beneficios sociais ao resto de Galiza.

Para iso, segundo explicou Transi Fernández, xa se lle trasladou un convite á empresa, asinado pola CIG, CCOO e UGT, para darlle unha solución. Xunto a isto adiantou que non se descartan mobilizacións se a empresa se negara a aceptar esa equiparación.

Discriminación por cuestión de xénero

As representantes da CIG tamén puxeron sobre a mesa as moitas discriminacións por cuestión de xénero existentes no Grupo Inditex. A primeira é que máis do 90% das traballadoras das tendas teñen contratos a tempo parcial, mentres que a maioría dos homes están a tempo completo.

Isto reflíctese tamén nos salarios xa que provoca unha fenda á que tamén contribúen as maiores comisións que se pagan nas seccións de cabaleiros, onde as prendas teñen prezos máis elevados.

Xunto a isto salientaron a importancia do aspecto físico e os requisitos que teñen que cumprir as dependentas das tendas: desde como levar o pelo ou os pendentes, até cursos de maquillaxe, prohibición de piercings ou tatuaxes.

Aspecto físico que entenden que é imaxe de marca de Inditex e que provoca, segundo denunciou Carminha Naveiro, traballadora de Zara e membro da Executiva da CIG-Servizos, que en Zara, onde os cadros de persoal son máis veteranos e, polo tanto, as traballadoras de máis idade, estas acaben relegadas a postos secundarios. “Mesmo temos feito unha comparativa onde se amosa que as traballadoras de máis idade pasan a formar parte dos equipos de almacén ou están en postos onde son menos visíbeis, como poden ser os probadores”.

O “perfil” que se exixe ás traballadoras non é coñecido nin por elas mesmas. Porén existe e, de feito, Naveiro lembrou o despedimento dunha traballadora da cadea Lefties precisamente por non cumprilo. “Denunciouse perante a Inspección de Traballo por discriminación e conseguimos que fose readmitida”, dixo, “non se pode tolerar, porque independentemente do perfil todas traballamos igual”.