A CIG demanda medidas preventivas contra os lumes e esixe a dimisión do director xeral de Ordenación e Produción Forestal

A central denuncia que os lumes están a arrasar milleiros de hectáreas en parques naturais da provincia de Ourense

Vigo -

O sector de Autonómica da CIG-Administración reclámalle á Xunta de Galiza a posta en marcha de medidas de prevención “para paliar a lacra dos incendios forestais” que están a afectar especialmente a provincia de Ourense. Dende a central esixen tamén a dimisión do director xeral de Ordenación e Produción Forestal pola súa incompetencia á hora de xestionar a loita contra os lumes.

Dende o sector de Autonómica da federación de Adninistración da CIG denuncian que estes días a provincia de Ourense “está a ser un inferno de lume en concellos coma Oímbra, Muiños, Boborás ou Lobios, nos que xa van arrasadas máis de 3500 hectáreas”.

Segundo explican, as condicións ambientais coma a seca, a calor e o vento que se manteñen de forma prolongada implican unha continúa vaga de incendios de grandes dimensións que fican descontrolados durante varios días. “É evidente a intencionalidade dos lumes, mais a problemática estrutural dos lumes forestais no noso país non se chegou a debater pola falta de interés da Xunta, preocupada en afastar este debate do día a día e logrando confundir a cidadanía con supostas detencións e identificacións de supostos incendiarios/as, que máis tarde son postos/as en liberdade sen cargos”.

Neste senso, critican que que non se teñan tomado medidas preventivas para radicar ou minimizar ao máximo os incendios e lembran que os propios alcaldes dos concellos que integran o Parque Natural Baixa Limia -Serra do Xurés, Lobios, Muiños e Entrimo- xa manifestaran en 2015 que non podían facerse cargo das labores preventivas na zona, precisando medios para acometer a prevención.

Así, sosteñen que a Xunta mantén medios propios no Parque Natural do Xurés, “pero son insuficientes para ter a zona en condicións óptimas para que os incendios forestais que se cheguen a producir non teñan consecuencias dramáticas”. De feito, o Goberno galego mantén un tractor desbrozador inoperativo dende 2015, polo que é imposibél ou inviábel que se realicen medidas preventivas. “Non é de recibo que no parque natural con máis extensión da do país teñan medios dos que non se pode facer uso por mor de avarías.

Tamén critican que até hai pouco non existise a figura de director/a do parque ou xefe/a de área. “Unha chapuza máis que nos leva a pensar na falta de interese do Goberno de Feijóo en darlle valor a un parque natural que recibe milleiros de visitantes cada ano”.

Dimisión do director xeral

Diante disto, esíxenlle á Conselleira de Medio Rural, Angeles Vázquez Mejuto, que cese do seu cargo ao director xeral de Ordenación e Producción Forestal, Tomás Fernández-Couto Juanas, “pola súa incompetencia á hora de xestionar os incendios forestais, incendios que están a arrasar centos e centos de hectáreas no Parque Natural do Xurés”.

Ao mesmo tempo, reclaman que se tomen medidas urxentes para paliar os prexuízos que vai producir o lume no parque natural, polo o que a propia Xunta debera aportar recursos económicos -xunto cos Concellos integrados no parque- encamiñados á limpeza do perímetro dos núcleos de poboación, ao aproveitamento dos montes e a unha planificación forestal e territorial orientada a lograr que o rural sexa un medio vivo. “É necesario manter o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés nas mellores condicións posíbeis para que se poida xerar emprego na comarca e para porlle freo e/ou minimizar os incendios forestais”.

Volver