A CIG reclama información sobre o preconcurso de acredores de Atunlo e que se garanta o emprego

A compañía anunciou que se acolle á lei concursal de xeito voluntario por problemas de liquidez
Cambados/O Grove - 03 Nov 2023

A FGAMT-CIG do Salnés demanda “información e transparencia” por parte da dirección de Atunlo, grupo empresarial con sede en Vigo e fábricas no Grove e en Cambados que vén de confirmar a presentación do preconcurso de acredores voluntario por problemas de liquidez. Dende a central sindical amosan tamén a súa preocupación polos case 400 empregos e reclaman o mantemento de todos os postos de traballo.

Responsábeis da FGAMT-CIG do Salnés mantiveron nos últimos días xuntanzas coas compañías para abordar a situación, “pero o único que nos confirmaron foi que presentaron o preconcurso o martes pasado e que non poden facilitar información porque están a negociar de xeito confidencial cos acredores. 

O centro de traballo de Cambados emprega 240 persoas e o do Grove 130

A central ostenta a maioría da representación sindical no grupo, cos 8 delegados/as do comité do centro de traballo de Cambados (240 traballadoras/es) e 3 de 9 no do Grove (130 traballadoras/es), “polo que temos dereito a ter información de primeira man sobre o que está a acontecer e sobre a folla de ruta que manexa a empresa”. Por iso apelan á dirección “a non dar a calada por resposta” e a facilitar os datos correspondentes ao balance de contas dos últimos anos, “xa que descoñecemos o volume do débeda e o número de acredores”.

Con todo, insisten en que o fundamental é que se garanta o 100% do emprego nas dúas fábricas, aínda que amosan a súa preocupación polo futuro do cadro do persoal e agardan que a presentación do preconcurso teña por finalidade “manter as empresas, remontar e preservar os postos de traballo”.